A área sanitaria de Vigo puxo en marcha unha nova Unidade Postcovid para estudar as posibles secuelas das pneumonías graves causadas polo SARS-CoV-2. Esta Unidade, iniciativa do grupo Covid-19 de Hospitalización e coordinada servizo de Pneumoloxía, realizará o seguimento dos pacientes e súa evolución funcional -fundamentalmente respiratoria- aos 3 e 12 meses da ser dados de alta hospitalaria.
Así, a partires da próxima semana, os especialistas comezarán a consultar, de xeito presencial, ás persoas que xa levan 12 semanas de alta hospitalaria para realizarlles unha avaliación clínica completa: enquisa de calidade de vida, analítica en sangue, probas funcionais de medición da capacidade pulmonar (espirometrías) ou difusión pulmonar, test de esforzo, e estudo de Radioloxía. Trátase de diagnosticar precozmente calquera tipo de secuela. Posteriormente, en función das alteracións detectadas, se programará un seguimento personalizado que incluirá una avaliación aos 12 meses para comprobar a resolución das secuelas detectadas a medio prazo.
Desde o principio da pandemia, o seguimento dos pacientes con Covid-19 menos graves ou leves, que non necesitaron ingreso hospitalario, vense realizando tanto por Atención Primaria como polo servizo de Hospitalización a Domicilio do Chuvi.
Segundo afirma o xefe do servizo de Pneumoloxía, Alberto Fernández Villar, “ambos servizos realizaron unha magnífica labor, os pacientes se sentían seguros e tranquilos sabendo que o seu médico de familia ou enfermeira ía chamarlles a diario para comprobar o seu estado de saúde. Esta experiencia motivounos a facer o mesmo desde o hospital cos pacientes máis graves que estiveran hospitalizados, e desde finais de marzo activamos un protocolo de seguimento hospitalario a través de TELEA ou por teléfono. Agora, coa constitución desta Unidade específica damos un salto cualitativo no seguimento a estes pacientes”.
Atender, aprender e emprender
A finalidade desta unidade pode resumirse nas 3 ‘der’: atender, aprender e emprender. “Queremos atender aos pacientes proporcionándolles gran accesibilidade, de xeito que podan acceder a esta Unidade a demanda e dispoñan dun número de teléfono directo para consultar cos profesionais calquera dúbida. Tamén necesitamos seguir aprendendo sobre o comportamento clínico deste virus e das enfermidades que provoca; e, por último, debemos seguir na liña de emprender novas accións cunha abordaxe multidisciplinar que nos permitan avanzar na loita contra esta pandemia”.
A posta en marcha desta Unidade específica ás poucas semanas do inicio da pandemia foi unha das primeiras iniciativas protocolizadas a escala internacional. “O protocolo proposto en nosa área quedou reforzado coa súa similitude co recomendado cinco semanas despois pola Sociedad Británica de Tórax, o que pon de manifesto que este é o camiño que todos os servizos sanitarios deberían seguir para garantir unha correcta continuidade asistencial aos pacientes”, afirma o doutor Fernández Villar.
Secuelas
O Covid-19 ten causado moitas pneumonías que na maioría dos casos afectan aos dous pulmóns (bilaterais). O virus pode provocar dous efectos nos pulmóns: unha inflamación persistente (reacción en exceso do sistema inmune fronte ao virus) e unha doenza tromboembólica pulmonar (coágulos nos vasos sanguíneos nos pulmóns).
Estes enfermos, algúns con ingresos prologados nas unidades de Críticos, son dados de alta cunha situación clínica imprevisible, con riscos de complicacións e reingresos, non provocadas polo virus senón por descompensacións respiratorias e cardiovasculares. De feito, na Área Sanitaria de Vigo, un 10% dos casos necesitaron reingreso hospitalario nos primeiros 30 días da alta.
Aínda que non hai moita evidencia científica, noutras epidemias como a do SARS-CoV ou o MERS, está descrito que unha das secuelas máis prevalentes foi a fibroses pulmonar. A fibroses é unha lesión causada pola cicatrización dos pulmóns tras a inflamación, que produce unha perda de capacidade respiratoria dun 20-30% a medio prazo, e nun 10-15% dos casos esta deficiencia pode manterse no tempo.
Proxectos de investigación
En paralelo á constitución da nova Unidade, o Grupo Covid de Hospitalización desenvolverá varios Proxectos de investigación, xa aprobados polo Comité Ético de Investigación de Galicia, para recoller toda esa información clínica xerada no estudo destes pacientes e seguir avanzando na investigación do novo coronavirus, analizando a persistencia de partículas do virus nas vías respiratorias e outros aspectos relacionados coa enfermidade. Tamén estase valorando a eficacia da ecografía pulmonar no seguimento destes enfermos.
Nestes proxectos, no que participan os servizos de Pneumoloxía, Medicina Interna e Radiodiagnóstico do Chuvi e de Povisa, se comprobará a evolución dos síntomas tras a alta hospitalaria (tose, fatiga, capacidade funcional e motora, etcétera…), as atencións en Urxencias ou os reingresos non programados.
Segundo afirma Fernández Villar “non queremos realizar soamente un estudo observacional ou descritivo, pretendemos acadar conclusións sobre os factores que inciden nas patoloxías producidas polo virus, identificando aqueles que determinan os diferentes graos de afectación e gravidade nos pacientes: a agresividade do virus, a carga viral, o tempo de estancia nas unidades de críticos, o tipo de terapias, etcétera. Estamos convencidos de que, por exemplo, na área de Vigo, a precoz intervención dos fisioterapeutas nas mesmas unidades de críticos e a continuidade asistencial en planta teñen sido moi beneficiosos para os nosos pacientes, contribuíndo a axilizar a recuperación da súa capacidade motora e respiratoria”.
O doutor asegura que se trata dunha iniciativa “de especial transcendencia, que xerará moito coñecemento nunha enfermidade imprevisible e de prognóstico incerto, que cada dia nos sorprende con algunha novidade”. “Temos demostrado a capacidade dos profesionais sanitarios para mobilizarnos, ir adaptándonos as diferentes situacións e en tempo récord consensuar criterios, circuítos e protocolos entre os diferentes servizos. Por iso, estamos moi esperanzados en que este novo proxecto asistencial e investigador aportará gran discernimento nesta enfermidade”, engade.