A área sanitaria de Vigo vén de poñer en marcha unha nova unidade de hospitalización para pacientes con Covid-19. Trátase da Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios-UCRI, emprazada na Vela 3D. É unha área de monitorización e tratamento con soporte respiratorio non invasivo de pacientes con insuficiencia respiratoria aguda, ocasionada polo Covid-19, e cun nivel de gravidade intermedio.
Trátase de doentes que necesitan de coidados máis específicos e complexos que os da hospitalización convencional, pero sen chegar aos niveis técnicos dos ofertados nas Unidades de Coidados Intensivos. No momento actual, neste novo servizo hai catro pacientes ingresados.
Segundo explica a súa coordinadora, a pneumóloga Mar Mosteiro, “se ben estas terapias xa se estaban implantando aos pacientes que o precisaban, a creación dunha unidade específica permite unha organización máis óptima dos coidados e da xestión das camas e supuxo un gran esforzo de reordenación por parte da dirección de enfermería”.
Na UCRI préstase un nivel de coidados intermedios e os pacientes ingresados benefícianse dun soporte respiratorio non invasivo. Con todo, asegura a doutora Mosteiro, “a diferencia das Unidades de Críticos, non se realiza intubación endotraqueal ou outras técnicas de intercambio gaseoso”. “Estes procesos son agresivos e asociados a moitas complicacións, longa estancia e tamén mortalidades, polo que constitúe a última indicación terapéutica naqueles pacientes con gran compromiso vital”, afirma.
As técnicas respiratorias empregadas son a osixenoterapia de alto fluxo e a ventilación mecánica a través de máscaras faciais. Ambas precisan de estreita monitorización e persoal ben adestrado, tanto médico como de enfermaría.
A unidade é atendida por especialistas de pneumoloxía, en cooperación cos outros facultativos que forman parte do ‘equipo covid’: internistas, infectólogos e médicos doutras especialidades.
Conta con 10 camas cunha monitorización integral e un protocolo de actuación específico. Dispón de persoal de enfermaría propio, experto no manexo de técnicas respiratorias, na monitorización e coidados do paciente respiratorio. “Hai que destacar a súa especial dedicación xa que as técnicas non invasivas neste contexto supoñen un esforzo engadido para a enfermaría”, asegura a doutora Mosteiro.
Este novo servizo hospitalario ten dúas orientacións: o ingreso daqueles pacientes susceptibles de beneficiares destas terapias respiratorias, e que nalgúns casos evitarían os seus ingresos na UCI; e o tratamento dos pacientes aínda potencialmente contaxiosos, que unha vez superada a fase aguda da súa enfermidade na UCI continúan requirindo de coidados especializados.
“Isto resulta de especial interese e de aí a gran importancia das UCRIs, xa que nos posibilitan dar de alta aos pacientes da UCI dun xeito máis precoz. Nesta situación de pandemia excepcional, numerosas experiencias reportadas e artigos científicos teñen demostrado a seguridade, utilidade e coste-efectividade destas unidades na atención a pacientes con Covid-19 graves, e así o subliña a Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria nun recente comunicado”.
Monitorización
As dez camas da UCRI contan cun sistema de sistema de monitorización integral ou telemetría que permite un control automatizado, continuado e permanente destes pacientes. Este sistema informático posibilita o envío das constantes vitais da persoa ingresada desde a cabeceira da súa cama ata o Control de enfermaría a través duns dispositivos de recollida automática dos principais parámetros fisiolóxicos como son a actividade eléctrica cardíaca, a saturación de osíxeno, pulsacións e presión arterial.
Deste xeito, os profesionais sanitarios poden seguir no monitor a evolución das constantes vitais do paciente, sen necesidade de acudir á habitación, cunha inmediatez e fiabilidade absoluta. Ademais, queda rexistrada a serie histórica destes datos, o que facilita os estudos clínicos comparativos por parte dos profesionais e as conseguintes decisións terapéuticas.
O sistema leva incorporadas unha serie de alarmas que se activan no momento en que algunhas das constantes do paciente experimentan variación, de xeito que os profesionais achéganse inmediatamente á habitación do paciente para comprobar a incidencia rexistrada.
Esta monitorización mellora as condicións de bioprotección requiridas nesas circunstancias de utilización de terapias respiratorias non invasivas , incrementando aínda máis os niveis de seguridade destes pacientes e os do propio persoal que os atende, e posibilitando por tanto unha maior eficacia nos coidados sanitarios prestados.