O Concello de Vigo informou este luns dos lugares nos que se habilitarán prazas de estacionamento de balde para aqueles que se despracen a ser pinchados contra o coronavirus. Así, haberá espazos na Doblada, Coia, Pizarro, Pintor Colmeiro, Lavadores, Navia, Rosalía e Teis. O alcalde instou á Xunta a quitar o pago tamén no Cunqueiro.
Abel Caballero ofreceu á Xunta de Galicia “todo o apoio” para o proceso de inmunización e, desde hoxe, o Concello delimita estacionamentos de balde próximos ás sedes de vacinación. No caso de ocupar zona azul, Vigo indemnizará á concesionaria do servizo: “Queremos dar prioridade aos aparcamentos das persoas que acudan á vacinación”, argumentou o alcalde.
“Nos ámbitos municipais”, segundo explicou, as prazas gratuítas e de uso exclusivo estarán na Doblada, Coia, Pizarro, Pintor Colmeiro, Lavadores, Navia, Rosalía de Castro e Teis. Engadiu Caballero que o IFEVI e o Nicolás Peña contan xa con lugares para deixar o coche de balde, e “o único sitio onde hai que pagar é o hospital Álvaro Cunqueiro”.