O servizo de transporte urbano de Vigo aumentou este luns as frecuencias para facer fronte á nova situación da Fase 1 no proceso de desescalada. Vitrasa está a operar agora, segundo o Concello, ao 75% da súa capacidade.
Así, nos días laborables os autobuses en circulación pasarán dos 49 da Fase 0 a 77, os sábados pasará de 29 vehículos a 45 e os domingos e festivos de 28 a 39.
Ademais, o Concello de Vigo seguiu este luns coa distribución de 7.500 máscaras de protección, enviadas polo Goberno de España, en mercados da cidade e tamén nas parroquias. Aquelas persoas que non poida saír da casa para abastecerse poden chamar aos teléfonos 010 ou 986 810 260 para pedir un envío a domicilio.