Vitrasa solicitou este luns á Xunta de Galicia a ampliación do nivel de aforo no transporte urbano colectivo. A concesionaria do autobús en Vigo sostén que “diferentes estudos científicos acreditan que o transporte público é plenamente seguro”, especialmente no caso do transporte urbano, por tratarse de percorridos curtos, cunha “importante” renovación de aire, “escasa” interacción entre usuarios e un “gran conxunto de medidas preventivas” adoptadas dende o inicio da crise sanitaria.
Atendendo a estas razóns, Vitrasa apela a que dende as institucións competentes se realicen as actuacións oportunas para a ampliación do nivel de restricións de aforo. Actualmente, estas limitacións mantéñense nos mesmos niveis que antes da finalización do estado de alarma (100% da ocupación dos asentos e limitación máxima a 1 de cada 6 prazas para viaxar de pé).
A empresa tamén ve un trato diferenciado con respecto á mobilidade interurbana -con maior tempo de percorrido e menor ventilación-, que leva meses sen ningún tipo de restricións nas súas prazas sentadas. Isto ocorre debido a que, aínda que o criterio aplicado é o mesmo que no caso do transporte urbano, a porcentaxe de usuarios que viaxan de pé neste tipo de transporte é practicamente nulo.
Por tanto, a compañía entende que a normativa actual afecta en maior medida e de forma “discriminatoria” ao transporte urbano, supoñendo un “grave prexuízo” para este nas cidades onde, coas últimas medidas que reducen as restricións de mobilidade dos cidadáns, pode non ser posible garantir a demanda total de mobilidade en hora punta.
“A pesar de que a incidencia acumulada en Galicia é inferior a media nacional, o transporte urbano de Vigo leva sete meses coas maiores restricións de España. Nestes momentos, as restricións de aforo foron reducidas en practicamente todo o territorio nacional acorde coa evolución da incidencia”, argumenta Vitrasa. A empresa cre que o mantemento das actuais restricións de aforo supón “unha medida excesiva nun sector especialmente prexudicado pola pandemia, a pesar da ausencia de evidencias científicas que as xustifiquen e de todas as garantías e medidas de seguridade aplicadas escrupulosamente por parte dos operadores”.
Seguridade
Ademais, Vitrasa considera que se está a enviar unha errónea mensaxe a cidadanía sobre a seguridade no transporte urbano. A concesionaria salienta tamén que o autobús é un “servizo esencial” para garantir o acceso e a continuidade doutros servizos básicos das cidades e é empregado diariamente por miles de persoas en Vigo para acudir ao seu posto de traballo, centro educativo, centro sanitario, etc.
Atendendo a estas razóns, a Asociación de Transportes Colectivos Urbanos de Galicia, entidade da que Vitrasa forma parte, remitiu á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia unha carta defendendo estes argumentos e solicitando o levantamento de medidas restritivas adicionais no transporte urbano colectivo de Galicia.