“Democratizar a cultura, espallala por todos os recunchos da provincia e, tamén, devolver á xente que a fai posible o refuxio seguro que nos ofreceron a todas e a todos durante os momentos máis duros da pandemia”. Con esta declaración, a presidenta Carmela Silva, presentou hoxe “Re-Acción Cultural”, a ambiciosa programación que desde este mes de xullo e ata decembro “levará a todos os recunchos da provincia ducias e ducias de actividades de todos os eidos culturais para recuperar os eventos en vivo”.
“Re-Acción Cultural” chega integrada en seis eixos: “a música; o patrimonio e as rutas xacobeas; as artes escénicas; o audiovisual e o cinema; a escrita; e as accións para espallar a cultura amais da celebración dos días especiais”. Así, música, teatro, literatura, arquitectura, cinema, patrimonio, festivais, roteiros, ou exposicións forman parte da ambiciosa programación provincial, que Carmela Silva tamén quixo cualificar de “homenaxe ao mundo da cultura que foi o noso refuxio máis seguro no confinamento, ao que nos agarramos buscando unha viaxe segura desde as nosas casas, e á xente que co seu talento e imaxinación nos axudou a saír do noso encerro”. “Queremos prender de novo as luces, dixo a presidenta provincial, facer unha pequena gran revolución cultural, unha re-acción cultural para chegar a todo o territorio”
Re-Acción na música
É un dos grandes eixos no que se enmarcan os Rías Baixas Fest, que contarán con todos os recursos previstos e que xa teñen eventos programados como Vive Nigrán con Anni S. Sweet e Rufus T. Fireffly ; ou SON RÍAS con Arco e Rayden en agosto. Unha oferta musical que este ano completarase con actividades turísticas e de promoción. Ademais, se reiniciaran as actuacións dos programas Musigal e Pontegal. No caso de Musigal, “temos xa 21 grupos confirmados que van achegar a súa musica a un total de 45 concellos da provincia”. No caso de Pontegal, hai para xullo “85 solicitudes, e dende agosto ata finais de ano cerca de cen”. Tamén no eido musical, a Deputación vai seguir apoiando ás Escolas de Música subvencionando os gastos correntes e de persoal necesarios para o desenvolvemento das actividades docentes e o seu funcionamento.
Re-Acción no Patrimonio e nas Rutas Xacobeas
Esta liña de actuación é “unha das grandes novidades do ano” e conta con tres grandes propostas: Música no Ar achegará a música clásica a espazos “marabillosos do noso patrimonio como mosteiros, pazos, castelos e conxuntos patrimoniais. Levamos a música de cámara fora dos auditorios, aos espazos abertos para achegarse a todos os públicos e democratizar a música clásica”. Tamén é “unha firme aposta por todas as persoas que na provincia se dedican, con gran talento e virtuosismo, á renovación do xénero”. O programa percorrerá a través de 14 concertos, que este ano serán gratuítos, “castelos, carballeiras, pazos, mosteiros, fortalezas e espazos patrimoniais extraordinarios” de Soutomaior, Baiona, Bueu, O Grove. Sobroso, A Guarda, Covelo, Caldas, Lalín, Poio, Forcarei, Silleda, Agolada e Salvaterra, coa participación de grupos como a Orquestra Clásica de Vigo, Son Trío, Orquestra Filarmónica de Pontevedra, Orquestra 430, Alejo Amoedo e Iria Cuevas, Brais González e Beatriz Arenas.
Con “Re-acción nos castelos” Soutomaior e Sobroso serán os protagonistas acollendo artes escénicas, música, danza e circo, contacontos, creación contemporánea e música clásica, e con programación centrada nas crianzas. Así, as accións divídense en Noites no castelo, Música con historia, Danza no castelo/Música no castelo, O teatro vén de visita e Música no Ar, que se iniciará o 23 de xullo en Sobroso e o 24 en Soutomaior. Para o público infantil haberá contacontos, obradoiros e actuacións como “Nin príncipes nin princesas”, “Música con historia” e “Creando no xardín”.
En canto aos Roteiros de Arquitectura, percorrerán entre setembro e outubro todas as comarcas da provincia. Así, en Pontevedra e Poio haberá visita a pazos e mosteiros; no Deza e o Ulla percorridos por pazos e templos; en Tui, visitarase a súa catedral e museos; no Salnés pasearase por pazos e templos e en Vigo percorrerase Castrelos.
Re-Acción nas artes escénicas
Será outra das novidades do ano. “Prendendo butacas”, terá lugar entre outubro e decembro con dez funcións de teatro profesional que se desenvolverán en auditorios, centros culturais e espazos de todas as comarcas da provincia. Neste mesmo eido continuarán os apoios a eventos como a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas ou o Festival Internacional de Títeres de Redondela
Reacción no audiovisual e no cinema
A Deputación e os Festivais de Cinema presentarán a nova marca da calidade que integrará ao Festival de Cans, Play Doc , FicBueu, Festival de Cinema Inclusivo, Primavera de Cine, Curtas Film Fest, Curtas Armadiña, Novos Cinemas e Freaki Film Fest. Amais, contarán cun protocolo común de actuación fronte ao COVID 19 Carmela Silva tamén adiantou a posta en marcha da nova iniciativa “Pontevedra Plató de Cinema”, “un novo marco de patrocinio para producións e coproducións audiovisuais para apoiar proxectos cinematográficos que se fagan e produzan aquí para impulsar o sector audiovisual galego, consolidar as industrias, apoiar a excelencia a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais, fomentar espazos expositivos e contribuír á promoción coa localización de escenas e espazos da provincia”.
Re-Acción na Escrita
Enmárcanse iniciativas como a Escola das Letras que sigue o seu camiño. Os novos obradoiros volverán en setembro pero este verán haberá sesións de masterclass con «Poetagrafía. O 20 de xullo será o encontro coa poeta e fotógrafa Patricia Rivas”.
Os roteiros literarios se desenvolverán este ano en seis concellos (Baiona, Ponteareas, Vilagarcía, Terra de Montes, Vigo e Pontevedra), e se anuncia a continuidade de “Caramomia”, o proxecto dirixido por Ledicia Costas iniciado en Instagram, que se vai materializar nun libro impreso, con ilustración das súas personaxes. Ademais, a Deputación sumarase á celebración do centenario da Xeración Nós e continuará apoiando a publicacións a través do servizo do Patrimonio Bibliográfico e Documental.
Re-Acción para espallar a cultura
Farase colaborando e apoiando a outros colectivos e asociacións que están a traballar no eido da cultura, nas actividades co tecido social, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, e levando exposicións por toda a provincia. Ao respecto, están as mostras “Tecendo a natureza”, “Pazos de Pontevedra. Alí onde se detivo o tempo”, “La artística. Parte da nosa historia en lata”, “Cines de Pontevedra”, “Imaxes do 8M”, “María Xosé Queizán”, “Rosario Sarmiento”, “Mulleres galegas na historia”, “Vento nas velas”, “A gaita na música tradicional galega” ou “As nosas senlleiras”.
Finalmente, en canto á celebración dos días especiais, a Deputación de Pontevedra xa iniciou esta liña durante o confinamento, festexando de xeito virtual efemérides como o Día da Poesía, do Teatro, da Musica, da arquitectura, do Libro, ou dos Museos; o día de Rosalía, o das Letras Galegas, o das Artes, o da diversidade cultural ou o día da Lingua de Signos. Carmela Silva recordou que o primeiro dos eventos que puido xa celebrarse nas rúas foi o Día Internacional da Música, con actos en Pontevedra e Vigo, e adiantou que están xa previsto facer “grandes efemérides”, entre outras, no Día de Galicia, da Biblioteca, no Día europeo das Linguas, do Patrimonio, no Día do nacemento de Carballo Calero ou o de María Casares.