A documentación histórica da conserveira Alfageme está xa accesible a golpe de clic grazas ao portal web ‘Atopo’ do Arquivo da Deputación. Nos fondos que se poden consultar de maneira dixital a distancia inclúense preto de 3.000 rexistros conservados no Arquivo do Museo Anfaco de Vigo, tanto documentos empresariais, de marketing, fotografías como recortes de prensa, que permitirán o estudo dunha das fábricas de conservas máis relevantes do país.
Segundo explica o persoal técnico do Departamento de Patrimonio Bibliográfico e Documental da Deputación, a posibilidade de consulta dos fondos de forma dixital a través da web provincial débese á incorporación da Institución do Arquivo do Museo Anfaco como usuario de Atom, un novo paso para contribuír á conservación, difusión e accesibilidade dun importante fondo documental sobre a industria do mar.
Grazas a esa modernización tecnolóxica e ao preciso traballo previo de organización e descrición do fondo documental levado a cabo polo persoal do Arquivo do Museo Anfaco, no Atopo poderanse consultar 170 unidades de instalación con 2.824 rexistros das diferentes agrupacións documentais ou documentos en diferentes soportes.
O fondo está formado por papeis, expedientes, informes e outro tipo de materiais producidos pola organización empresarial na fábrica de Bouzas a partires de 1931, pero tamén conta con libros diarios e maiores da etapa de Candás e algún documento como o libro de visitas de 1913 da fábrica do Arenal, e do réxime de retiro obreiro de 1922.
Todos os documentos dan a pauta para coñecer o funcionamento desta fábrica de conservas, o que permitirá o estudio desta organización empresarial dende os anos vinte do século XX ata 2010. Abarcan un amplo abano de actuacións e actividades, xa que se resgarda información relativa a outras sociedades, órganos de goberno, persoal, produción ou marketing. Son reseñables polo seu valor informativo as noticias de prensa relacionadas coa empresa que se foron recompilando, así como cartas e outros documentos de índole persoal e familiar. O arquivo fotográfico reúne tamén grande cantidade de imaxes que son testemuña das diversas accións e momentos destacados da empresa.