A Casa das Artes de Vigo acolleu este mércores a ofrenda floral da Fundación Laxeiro e a entrega dos premios que levan o seu nome. As conmemoracións de hoxe coinciden co 114º aniversario do pintor, nado o 23 de febreiro de 1908 en Lalín. Tras a ofrenda floral, desenvolvida nas inmediacións do busto do artista en Vigo, celebrouse a entrega dos galardóns correspondentes aos anos 2021 e 2022. No acto participaron o alcalde, Abel Caballero, e o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, entre outras autoridades.
O Premio Laxeiro 2022 foi para o grupo Atlántica, agrupación artística creada en 1980 co propósito de reactivar as artes plásticas en Galicia. O grupo tivo unha curta vida no panorama artístico, ata 1983, tempo no que realizaron cinco exposicións comisariadas e recibiron o Premio da Crítica Galicia na categoría de Iniciativas culturais. O colectivo estivo formado polos pintorores Menchu Lamas, Antón Lamazares, Ánxel Huete, Antón Patiño, Monroy e o escultor Ignacio Basallo. Tamén estiveron vinculados os pintores Manuel Moldes, Din Matamoro e Berta Álvarez Cáccamo.
Programación específica
O galardón da edición de 2021 recaeu en Rodrigo Romaní Blanco (Noia, 1957) como recoñecemento a unha vida dedicada á renovación e difusión do folclore galego, así como ao seu labor docente no Conservatorio de Música tradicional da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Membro fundador do mítico grupo Milladoiro, foi un dos introdutores da arpa céltica en Galicia ademais de impulsor de proxectos como a Orquestra SonDeSeu.
A Xunta de Galicia salientou a oportunidade que o Ano Laxeiro está a ter para divulgar o legado do artista ao gran público. Está en marcha unha ampla programación específica para homenaxear ao pintor lalinense no marco das conmemoracións do Ano Laxeiro. Entre elas, este mesmo mes o Goberno autonómico anunciou que o Instituto Cervantes de París pechará as itinerancias da exposición Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1951-1970), que a Xunta, en colaboración con outras entidades e institucións nacionais e internacionais, programa para este ano en Santiago, Madrid e Lalín.
Aposta do Ano Laxeiro
Comisariada polo historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez, a mostra é unha das grandes apostas da programación do Ano Laxeiro e reunirá pezas únicas procedentes de diversas institucións centradas na época de madurez deste lalinense internacional que se instalou na Arxentina durante 20 anos.
Ademais desta mostra, a programación, impulsada xunto coa Real Academia Galega de Belas Artes, incluirá tamén iniciativas académicas, audiovisuais e didácticas. O acto central será a conmemoración do Día das Artes Galegas na súa honra, o vindeiro 1 de abril.
Pola súa banda, o Concello de Vigo prepara para este ano unha mostra sobre o autor no MARCO, comisariada polo seu director, Miguel Fernández-Cid, e como parte da celebración do Ano Laxeiro en Vigo.