A voz da poeta viguesa Xela Arias, falecida no ano 2003 e homenaxeada nesta edición 2021 do Día das Letras Galegas, emerxerá de novo esta fin de semana no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. Será grazas ás gravacións que pouco antes do seu pasamento preparaba para as presentacións do seu derradeiro libro Intempériome xunto ao músico Fernando Abreu.
Aquela idea era a de mesturar as dúas artes dende un punto de vista contemporáneo con espazo para improvisación libre e a palabra. Como parte do traballo sobre a emoción, o ritmo e o carácter dos recitados de Xela Arias, Fernando Abreu gravou os poemas do libro na voz da autora. Aquelas gravacións que só tiñan a intención do estudo acabáronse por converter nun documento único coa inesperada morte da autora.
A partir dos materiais elaborados ata aquel momento, Abreu xa creara unha performance na que a voz gravada de Xela fundíase con música e voces ao vivo e foi interpretada nalgunhas das homenaxes que recibiu a autora dende entón. O nomeamento de Xela Arias como autora homenaxeada nesta edición 2021 do Día das Letras Galegas é a ocasión perfecta para que este proxecto se converta no espectáculo escénico «Vencerse é cousa de se tratar».
Nesta proposta, Fernando Abreu conta coa complicidade en escena da cantante e actriz Mónica de Nut —quen pon voz ós poemas mesturándose cos recitados da propia autora— e de Pablo Carrera, con quen leva mais de vinte anos traballando no proxecto DOUS e creando espazos sonoros para teatro e audiovisual. Roi Fernández completa o elenco realizando cinema en directo.
A peza escénica foi presentada este venres no Marco, donde haberá dous pases durante a fin de semana (sábado 17 ás 19.30 horas e domingo 18 ás 12.30 horas). Durante a rolda de prensa, o alcalde Abel Caballero salientou a “transgresión e ruptura” da creación artística na súa “forma distinta de entender a música” unida cos poemas de Xela Arias “unha grande poeta que decidiu que Vigo ía ser a súa cidade”.
Fernando Abreu agradeceu o apoio e receptividade do Marco ao espectáculo que “é o que puido ser aquel recital 18 anos despois”, xa que quedou coas gravacións que fixera xunto a Xela Arias no ano 2003 e agora recupéraas para rematar un proxecto iniciado 18 anos antes.
Pola súa banda, Darío Gil, fillo de Xela Arias, salientou a honestidade da proposta escénica xa que recolle a “visión de miña nai da confluencia das distintas artes: música, voz, audiovisual en directo…”