A chegada da nova normalidade ven cun tempo de adaptación das bibliotecas, no seu papel como servizo público. Unha das mais coñecidas da cidade é a Biblioteca Neira Vilas (Av. de Emilio Martínez Garrido, 21). Inaugurada en marzo de 2011, supuxo una proposta renovadora, onde tanto se atende ao libro tradicional como aos videoxogos, cine, e por suposto numerosas actividades presenciais. Do seu pasado, da súa importancia e do seu futuro falamos con Abel Losada, conselleiro de Cultura, Emprego e Participación Cidadá, quen tivo a amabilidade de atendernos telefónicamente.
-Obviamente durante a crise do coronavirus o servizos bibliotecarios pecharon na cidade. Hai pouco coa desescalada voltaron a abrir. Cal é o plan de desescalada e as medidas sanitarias da biblioteca Neira Vilas?
-Empezo polo final. Respecto a as medidas sanitaras estamos a adaptarnos á normativa. Hasta o último decreto de “nova normalidade”, que foi aprobado pola Xunta de Galicia, nas fases previas foi a cargo do Ministerio de Sanidade do Goberno de España. Iniciamos unha reapertura de servizo de préstamo ao que fomos incorporando progresivamente a posibilidade de permanecer na biblioteca. Evidentemente coas medidas sanitarias xa ben coñecidas: levar máscara, uso de xel hidroalcohólico… as que veñen referidas nos Reais Decretos, en fin. O tema máis particular é un proceso de corentena dos libros, que puidera retardar algún préstamo concreto. Pero queremos trasladar aos cidadáns que nos atopamos nunha contorna 100% seguro. Poden facer uso da biblioteca, naturalmente tamén con toda a responsabilidade debida.
-Falamos dunha biblioteca de proximidade, de barrio. Con todo cónstame que ten usuarios de toda a cidade. Cal pensa que é o atractivo da Neira Vilas?
«Para nós é importante facer da Neira Vilas un lugar atractivo para os máis pequenos»
-É certo, eu creo que hai dúas cuestións, a percepción dunha biblioteca como ese lugar de procura de libros, e doutra banda a posibilidade de acceso ás novas tecnoloxías. Creo que é un concepto xa xeral das bibliotecas, de todas en xeral, aínda que considero que esas dúas variables mestúranse moi ben na Neira Vilas. É unha biblioteca vinculada territorialmente á zona do Calvario, pero ademais aposta desde o principio (e de feito ten premios autonómicos neste campo) por introducir as novas tecnoloxías, os formatos electrónicos… esta, penso, foi a maior novidade e ademais permitiu ampliar o espectro de usuarios, abrindo o abanico das idades dos usuarios. Para nós, e así llo trasladamos desde o goberno vigués ao director da biblioteca, é importante facer da Neira Vilas un lugar atractivo para os máis pequenos. Os usuarios de bibliotecas e os propios lectores constrúense, e é sempre máis eficaz “construílos” desde a máis temperá idade. É un proceso de construción polo que a Neira Vilas aposta decididamente.
-Unha característica desta biblioteca é a súa arquitectura, a luz natural…
-Efectivamente, arquitectónicamente está moi lograda, aproveita a luz natural e é un espazo ideal.
-E a oferta de actividades do centro é importante. Como enfrontaron esta calidade, esta abundancia de eventos, presentacións, cursos etc. durante o confinamento?
-Esa é outra característica moi notable deste centro, e si, a intención durante o confinamento foi manter a actividade… recoñecendo as dificultades do propio confinamento, xa que hai quen non está habituado ao uso de sistemas informáticos. O público obxecto reduciuse, inevitablemente, pero é verdade que a biblioteca mantivo en liña a súa vinculación cos seus usuarios. E é un obxectivo que en boa medida conseguiuse.
-Respecto a este tipo de actividades presenciais, se poden aventurar datas de apertura? Imaxino que realmente irán en consonancia cos decretos e normas que veñan, en realidade.
-Son partidario de ir amodo pero seguro, non xogar a correr moito para logo ter que ir cara atrás. Hai que respectar uns protocolos de separación, de seguridade… creo que non é procedente aventurar datas porque ademais non temos a plena capacidade para aproximar datas. Hai que traballar con prudencia, avanzando sempre que se poida.
-Tamén hai que falar de E-Film, a xa famosa “ Netflix das bibliotecas” coa que creo que a biblioteca Neira Vilas ten moita relación. Foi éxito esta plataforma na Neira Vilas?
«A aplicación E-Film foi pioneira en Galicia e tivo unha receptividade moi elevada»
-De feito a súa aplicación na biblioteca Neira Vilas foi pioneira non en Vigo: en Galicia. E a receptividade foi moi elevada, hai segmentos da poboación que quizá non se achegasen a unha biblioteca “normal”. Con todo este sistema si lles atraeu e supuxo unha conexión que achega a ese espectro á lectura, o libro e a literatura. Tamén se trata un pouco como falabamos antes dun medio de achegar a nenos e nenas, que sexan capaces de gozar de todas as vías de interacción que ao final lles vai a ofrecer a Neira Vilas. Sexa o soporte un libro ou un ebook, que chegue a ese exercicio máis reflexivo que a cultura visual que lles atrapa.
-É verdade que xa hai tempo, e creo que a Neira Vilas é moi avanzada neste sentido, que as bibliotecas son espazos de cultura máis ampla, que van máis alá da literatura, o libro de ensaio…
-Trátase de abrirse a soportes novos. Os vídeo xogos son un reclamo fenomenal. A apertura, nun linguaxe economicista, permite a “captación de clientes”.
-Igual que o uso da biblioteca das redes sociais.
-Exacto, todo axuda a esa formación de usuarios inquietos, que gusten da literatura e das novas tecnoloxías.
-Doutra banda a biblioteca Neira Vilas foi pioneira nun proxecto, como di a propia web do Concello, para unha futura rede municipal de bibliotecas de barrio. Como avanza este proxecto e como pode avanzar no futuro? Obviamente a pandemia supuxo un antes e un despois para calquera proxecto…
-Efectivamente, agora é verdade que a propia dispoñibilidade financeira, orzamentaria, de toda administración está posta un pouco en dúbida porque non sabemos que necesidades e condicións económicas imos ter que enfrontar
Respecto a as bibliotecas, hai dúas vías, por unha banda as vinculadas a un territorio. Nesta vía agora estamos pendentes da cesión do antigo centro de saúde de Teis, co obxectivo de referenciar un centro bibliotecario. A outra vía é distinta á biblioteca habitual pero si que ten demanda, moita. Refírome ás salas de estudo. Os mozos, os e as estudantes piden centros cómodos, con wi fi, centros de estudo e mesmo, enténdase en positivo, de punto de encontro e de centro social.
-Por último, acabando e ampliando o foco, Vigo, teño o convencemento e confírmanmo diversos “motores culturais”, é e pode ser un motor do sector cultural en Galicia. Imaxino que desde o Concello apostouse por promover a cultura e defender ese patrimonio da nosa cidade.
«En Vigo están os editores máis importantes de Galicia e para o Concello é fundamental reforzar este liderado»
-Efectivamente. E hai dúas cuestións a destacar: no curto prazo o alcalde xa se reuniu cos axentes culturais da cidade. E comprometeuse ―e con el a Concellería de Cultura e de Festas― con todo o esforzo posible para reprogramar e enfrontar os danos ao tecido económico do sector cultural. Porque é un tecido económico un sector que cuantitativamente é importante, pero que está formado por empresas pequenas e autónomos que sufriron moito neste parón. É importante que o Concello estea aí apoiando no curto prazo. E hai outra cuestión vital no medio e longo prazo, como é que como todas as cidades dinámicas xeograficamente, punto de encontro, de chegadas e saídas, a cultura xogou un papel moi importante. Un papel en termos socio culturais pero, a partir da democracia tamén desde a perspectiva económica, cunha industria editorial e de máis sectores de creatividade. E había en Galicia un ecosistema favorable para a posición fundamental da cultura viguesa. A movida viguesa ten moito que ver con isto. A presenza en Vigo dos editores máis importantes de Galicia tamén e para o Concello de Vigo é fundamental reforzar esta situación de liderado.
-De feito a feira do libro 2020 vai celebrar…
-Si, do 25 de xuño ao 4 de xullo, coas medidas de asistencia e sanitarias debidas, pero creo que é moi importante que este evento e unha imaxe de normalidade. Hai que irse adaptando, puro darwinismo pero é así, e en Vigo desde Juan Compañel e Cantares Galegos, a cultura tivo un papel importantísimo na cidade. E cremos que ten que seguir xogándoo.