A Deputación de Pontevedra abriu hoxe o prazo para inscribirse nas actividades que espallarán cultura, música e patrimonio por toda a provincia durante este verán. A inscrición, que se fai enviando un correo a cultura@depo.es, será necesaria en todas as actuacións de ‘Re-acción nos Castelos’, así como nos concertos do programa ‘Música no Ar’ que se celebran nos propios recintos de Soutomaior e Sobroso. Nos demais, as actividades estarán abertas ao público ata completar aforo. Todas as accións contarán coas medidas de seguridade pertinentes e protocolos Covid e o uso da mascarilla será obrigatorio para as persoas asistentes.
‘Re-acción nos Castelos’ arranca en Sobroso o xoves 23 de xullo ás 22 horas con “Noite no Castelo” e a acción multidisciplinar de música, danza, videoproxeción e instalación artística “Zona de límites”. O venres 24 de xullo, tamén ás 22 horas, terá lugar outra nova actividade de “Noite no Castelo”, neste caso en Soutomaior, con “As Hurdes” de Vertixe Sonora, unha acción multidisciplinar música clásico-electrónica, poesía e cinema. O 30 de xullo entre as 17 e 19 horas o Castelo de Soutomaior acollerá o obradoiro “Creando no xardín”, dirixido á rapazada, que consiste nunha instalación artística colaborativa. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar un concerto dirixido ao público infantil denominado “A banda das apertas”. Para pechar o mes de xullo, o venres 31 entre as 17:00 e as 19:00 horas o castelo de Sobroso acollerá unha actividade artística de arquitectura dirixida a nenas e nenos enmarcada en “Creando no xardín”.
Xa no mes de agosto, as actividades comezan o xoves 6 ás 18:00 horas en Soutomaior co contacontos “Nin príncipes nin princesas” a cargo de Bea Campos. Ese mesmo día, tamén en Soutomaior pero ás 19:30 horas, terá lugar a acción de danza contemporánea “Conmoveres da Memoria” da man de “Perdomus”, enmarcada en “Danza no Castelo”. O 7 de agosto ás 19:30 horas chega a Sobroso “Música no Castelo” cun concerto de “Falúa” e, tamén en Sobroso pero o mércores 12 ás 17:30 horas terá lugar o contacontos “Nin príncipes nin princesas” con Cristina Collazo. A última actividade do mes de agosto celébrase en Soutomaior o xoves 13 ás 19:30 horas e será a acción escénica “Té con Kant”, enmarcada en “O teatro ven de visita”. Xa en setembro haberá dúas accións, o venres 11 ás 19 horas “Os Quinquilláns” farán unha acción escénica no Castelo de Sobroso e o xoves 17 ás 19 horas terá lugar en Soutomaior o concerto de “Vero Rilo & Sonsoles Penadique”.
En canto a ‘Música no Ar‘, os concertos para os que é necesaria a inscrición serán o martes 28 de xullo ás 19:30 horas no Castelo de Soutomaior, coa Orquestra Clásica de Vigo, e o martes 11 de agosto ás 19 horas no Castelo de Sobroso, coa Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Amais, ata o mes de setembro “Música no Ar” desenvolverá outros 12 concertos abertos ao público ata completar aforo, o primeiro será o xoves 30 de xullo ás 21 horas no Estaleiro de Bueu da man de “Son Trío”.
En agosto, a programación continúa o mércores 5 ás 20 horas na Praza do Reló da Guarda coa Orquestra 430 de Vigo; o xoves 6 ás 20 horas no Pazo de Liñares de Lalín con Alejo Amoedo & Iria Cuevas; o venres 7 ás 21 horas estará na Fábrica de Salga do Grove a Orquestra Clásica de Vigo; o domingo 9 ás 20 horas a Orquestra Filharmónica de Pontevedra chega ao Aserradeiro dos Carranos en Covelo; no Mosteiro de Poio o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra será o venres 14 ás 19:30 horas; e, para pechar o mes de agosto, a Carballeira de Caldas de Reis acolle o domingo 16 ás 20 horas á Orquestra Clásica de Vigo.
Xa en Setembro, terán lugar dous concertos da Orquestra 430 de Vigo, un no Mosteiro de Aciveiro en Forcarei o sábado 12 de setembro ás 19 horas e outro nos Xardíns do Arquivo Histórico e Biblioteca Pública de Baiona o venres 18 tamén ás 19 horas; a Orquestra Clásica de Vigo chega o sábado 19 ás 19 horas ao Castelo Dona Urraca de Salvaterra; o domingo 20 ás 18 horas actuarán Brais González & Beatriz Arenas no Mosteiro de Carboeiro de Silleda; e, por último, o sábado 26 ás 18 horas terá lugar o concerto da Orquestra Filharmónica de Pontevedra na Praza do Concello de Agolada.