Afundación en casa presenta a súa nova iniciativa sobre papiroflexia para todos os públicos. Trátase de «Papiroflexia. La magia del papel», na que todos os luns se presentará unha sesión co especialista Jorge Pardo. Mañá, luns 13 de abril, a proposta consistirá en realizar unha ra.
Esta actividade consiste en sesións lúdico-formativas nas que as habilidades manuais e as matemáticas se combinan para realizar auténticas obras de arte en papel.Jorge Pardo, director da EMOZ (Escuela Museo Origami de Zaragoza) e coordinador de «Papiromates. Matemáticas + Creatividade = Papiroflexia», ensinará en apenas dous minutos a facer figuras coa técnica da papiroflexia ou origami, a través dun formato tipo vídeo titorial moi asequible para todo tipo de públicos. Tan só se necesitan eses dous minutos e un folio, para poder elaborar as pezas que non requiren tesoiras ou cola de pegar.
«Afundación en casa»
«Afundación en casa» é o novo portal web de acceso libre e gratuíto, creado a instancias de Abanca e a súa Obra Social, no que se verte, durante esta etapa, toda a actividade que o equipo de Afundación continúa planificando e desenvolvendo desde os seus domicilios.
Deste xeito, a Obra Social de Abanca segue poñendo á disposición da cidadanía os seus proxectos culturais, sociais e formativos, mantendo o mesmo nivel de esixencia e exercendo, tamén, un labor de acompañamento telemático para usuarios +60, que desenvolven persoas voluntarias en colaboración con traballadores da entidade.
Desde casa, a Obra Social de Abanca continúa traballando para proporcionar contidos en directo e actualizacións permanentes para consolidar Afundación, tamén na súa modalidade online, como a entidade galega de referencia no seu ámbito. Cun fondo vivo, «Afundación en casa» reflicte a intensidade e calidade da programación da Obra Social de Abanca.
O obxectivo é acompañar á sociedade no seu deber de permanecer na casa, ofrecendo múltiplas opcións mediante as que continuar formándose e crecendo dun xeito accesible e seguro. Ademais, esta iniciativa permite manter a actividade económica nos distintos ámbitos de actuación, tanto a nivel interno da entidade, como na súa relación cos seus colaboradores externos.
En definitiva, a Obra Social de Abanca, en liña cos seus compromisos estratéxicos a prol do avance social, esfórzase por apoiar á cidadanía nestes momentos excepcionais, mirando xa cara ao futuro.
Toda esta actividade, integrada por máis de 300 recursos, é facilmente accesible nos perfís das redes sociais de Afundación baixo a etiqueta #AfundaciónEnCasa.