Carmela Silva puxo en valor a importancia deste xacemento que “nos permite confirmar que as nosas antepasadas e antepasados eran poboados moi desenvolvidos, que xa 600 antes da chegada da civilización romana tiñan a capacidade de realizar intercambios comerciais con lugares como Italia, Tunisia ou Palestina”.
Para a presidenta da Deputación de Pontevedra este lugar trátase “dun espazo fundamental para coñecer o mundo da Idade de Ferro non noroeste peninsular e o tránsito da Galicia galaica á Idade Media”. Tamén subliñou Silva que o xacemento pon de manifesto a importancia das relacións comerciais que se establecían desde a Lanzada e que conectaban, desde 600 anos antes da chegada da civilización romana, esta zona con puntos do Mediterráneo Oriental.
Outra das novidades do Campo da Lanzada é que neste espazo “atopamos a primeira factoría de salgados do noroeste peninsular, unha factoría de orixe prerromana cando ata o momento se pensaba que todas tiñan unha orixe romana”. Ao respecto, o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, destacou que “mentres o habitual neste tipo de industrias era contar con entre 8 ou 10 depósitos, na Lanzada apareceron ata 29 piletas destinadas á fabricación de salsas e á conservación de alimentos”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que unha vez pechada a intervención arqueolóxica queda pendente o proxecto de musealización, que levará a cabo o Ministerio de Fomento, e outras actividades para a divulgación educativa, científica e turística do xacemento. En concreto, Silva referiuse a achegar o Campo da Lanzada aos escolares da provincia así como aos centros de investigación cultural e promover turisticamente este espazo tendo en conta que as persoas que visitan Rías Baixas veñen motivadas principalmente pola cultura.
O arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, destacou que durante os seis meses de traballo na Lanzada puidéronse esclarecer os diferentes niveis de ocupación do Campo da Lanzada. O máis antigo atopado correspóndese co século II A.C. e trátase dunha estrutura absidial, un muro e piletas vinculadas á factoría de salgados, aínda que hai vestixios de cabanas de madeira que poderían ser de ata o século VI A.C. Tamén se acharon outras estruturas do século I A.C. e I D.C., un gran vertedoiro do século II D.C., unha grande estrutura rectangular de entre o II e V D.C. (probablemente relacionada cos esqueletos de adultos achados) ata os restos dun posible “secadeiro” de peixe (que podería datarse na Idade Media) ou un tanque para a cristalización de sal (romano ou medieval).
Con respecto aos achados, Rodríguez destacou aos esqueletos que foron aparecendo no Campo da Lanzada, desde un can (de entre o século XVII ata o XX), ata o de Cornelia (s. V) e os outros dous adultos atopados, que supuxeron unha grande novidade porque non se contaba con que a necrópole da Lanzada chegase ata esta área de intervención e porque é probable que debido ao ritual de inhumación, en caixa, se traten de cristiáns primitivos.
O arqueólogo da Deputación de Pontevedra resaltou tamén os esqueletos dos 13 nenos menores dun ano e doutro menor de 2 anos datados entre os séculos I D.C. e II D.C. O achado dos esqueletos infantís é, para Rodríguez, especialmente significativo xa que ata o momento non se atoparon en Galicia este tipo de enterramentos.
Na actualidade, o equipo de arqueoloxía da institución provincial está xa a estudar as pezas no laboratorio, clasificando os restos para poder establecer conclusións. En concreto, extraéronse máis de 15.000 pezas no Campo da Lanzada entre as que destaca o gran volume de “terra sigillata” ( cerámica de luxo romana, nas cales é posible ver grafittis con nomes romanos), 25 moedas pertencentes aos séculos I-IV D.C., obxectos feitos con óso (peines e elementos decorativos) e 358 metais entre os que destaca unha espada de 33 centímetros que probablemente é Mediterránea, quizais chipriota, e pertence a unha época entre os séculos VIII e IVA.C.
Outras achados singulares e non documentados ata o de agora son as mostras de ata 16 alcas xigantes ou un gran número de cetáceos como as baleas que, para o arqueólogo da Deputación, Rafael Rodríguez, supón que probablemente na Idade de Ferro xa estaba organizada a caza da balea.
Os traballos no Campo da Lanzada comezaron o 20 de xullo de 2016 e foron executados por un equipo de máis de 20 especialistas en arqueoloxía. A Presidenta da Deputación agradeceu o esforzo que estas persoas levaron a cabo así como a implicación da Comunidade de Montes de Noalla, presidida por Roberto Garrido, que permitiron que a institución provincial puidese intervir neste espazo da súa propiedade, triplicando a área visitable ata os 1.800 metros cadrados. Neste mesmo aspecto incidiu o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, quen destacou a colaboración da Comunidade de Montes de Noalla e o esforzo do equipo de arqueoloxía da institución provincial. Tamén aproveitou a ocasión Pita para agradecer a vontade, compromiso e aposta da Deputación de Pontevedra polo xacemento arqueolóxico da Lanzada e incidiu noutras actuacións que a institución provincial está a implantar no concello.