Esta visita guiada, que conta coa coordinación da Asociación Naturalista Baixo Miño (Anabam), realizarase de xeito gratuíto o sábado 20 de abril con saída ás 10:45 horas dende o Porto da Guarda, cun percorrido aproximado de dúas horas empregando a senda litoral.
Tamén nestes intres se levan adiante outras iniciativas como a musealización do xacemento e se publicarán os resultados das investigacións iniciadas o ano pasado.
‘A Guarda, Mar de Sal’ é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal e, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de Brais Currás.
O obxectivo é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
O proxecto ‘Mar de Sal’ fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.
O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74.500 euros, repartidos en dúas anualidades (2018 e 2019).