Xunto á porta de entrada no castro do Monte Trega desde o sur consérvanse os restos un antigo cuncheiro, un espazo onde os habitantes do poboado botaban os restos da súa produción. Composto fundamentalmente por cunchas, conserva tamén restos de osos e espiñas de peixe, e tamén outras evidencias como restos cerámicos ou metálicos e calquera outro tipo de refugallo.
As condicións artificiais que crea o propio cuncheiro, máis favorables que o chan ácido do substrato granítico, permiten que eventualmente se poidan conservar tamén outro tipo de restos como pode ser, por exemplo, a madeira. O que non é máis que un vertedoiro para as persoas que viviron no Trega, é hoxe un tesouro e unha fonte de información de valor incalculable.
A través do estudo dos cuncheiros pódese coñecer moito da vida cotiá das xentes que viviron nos castros. Sábese que tipo de animais criaban, que especies cazaban, e como eran as prácticas de pesca e marisqueo. Deste xeito, é posible averiguar os lugares ata onde se desprazaban desde o poboado para captar os seus recursos.
A análise polo miúdo das especies tamén di moito sobre as prácticas de consumo. Pódese comprender se o gando vacún se empregaba para produción cárnica, como forza de tiro ou para o aproveitamento do leite. O tamaño dos animais informa sobre o grado de desenvolvemento gandeiro e sobre cal era a importancia da caza, se é que tiña algunha.
O estudo da evolución dun cuncheiro no tempo, en suma, pode ser unha mostra representativa do proceso histórico de configuración e evolución das comunidades castrexas desde a Idade do Ferro ata a súa submisión ao poder de Roma e das transformacións que implica para as formas de produción e consumo.
Este proxecto nace co propósito de crear un recurso concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, e como medio cultural e social. Un proxecto que ofrece resultados e beneficios a diferentes niveis. Por unha banda, xerando novos coñecementos científicos a partir da análise do rexistro arqueolóxico, no marco dun programa de investigacións e actuacións arqueolóxicas. En segundo lugar, asumindo a necesidade da transferencia científica como un obxectivo prioritario, os resultados a investigación repercutirán na creación de medios para a posta en valor das evidencias arqueolóxicas.