Con estes últimos descubrimentos, o balance dos achados ata o momento no castro de Noalla (Sanxenxo) queda da seguinte maneira: sete menores de idade, dous adolescentes e unha muller adulta, a coñecida como “Cornelia”.
En canto aos adolescentes, os seus dous corpos atopáronse un cos pés á altura da cabeza do outro e viceversa, nun grao de conservación moi bo, e soterrados en caixa na area ao igual que “Cornelia”.
O equipo da institución provincial encargado dos traballos no Campo da Lanzada aínda descoñece os seus sexos, pero si puido confirmar que estas persoas eran dunha grande estatura, bastante máis que “Cornelia”, e de complexión forte. Ademais, sinalan que puideron ter relación con esta muller xa que os seus restos foron atopados a carón dela, mais isto é soamente unha hipótese.
Sobre o bebé, o equipo de Arqueoloxía da Deputación sinalou que foi atopado no mesmo vertedoiro no que se produciron os achados o pasado venres. A súa conservación non é tan boa coma a dos corpos adolescentes, e de feito o seu corpo, especialmente o cranio, atopouse moi fracturado. Os restos estaban a escasos 10 centímetros deses outros dous bebés e, ao igual ca eles, era menor dun ano.
Ademais, os traballos realizados no Campo da Lanzada ata o momento xa deixaron o achado de máis de 15.000 pezas en total. Aproximadamente 500 desas pezas son de cerámica romana de luxo, e tamén se atoparon oito moedas de bronce romano que se atopan nestes momentos en proceso de estudo e de limpeza.