A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer este venres o estado dos traballos de consolidación e restauración que a institución provincial está a realizar nestes xacementos. “Levamos desde maio e, a verdade, estes xacementos nos que xa se tiña escavado anteriormente non nos deixan de sorprender, seguimos a atopar novos achados”, asegurou.
No caso de Mergelina, no xacemento do Trega da Guarda, apareceron dende maio anacos de ánfora romana, de terra sigillata itálica e unha moeda romana de bronce. “Pero o máis destacado é unha nova peza arquitectónica decorada -non habitual nos castros galegos- correspondente a unha xamba dunha porta, dos séculos I a.C. e I d.C e en moi bo estado de conservación, de entre 45 e 50 centímetros, que presenta un sogueado que enmarca un entrelazado complexo de eses”, asegurou Silva. Esta xamba estará no Museo Arqueolóxico de Santa Trega ao igual que o ‘Cabezón do Trega’, achado nos traballos de escavación desenvolvidos anteriormente.
No xacemento de Santa Trega está a traballar na actualidade un equipo de nove persoas, entre profesionais da arqueoloxía e da restauración, nun espazo de 2.642 metros cadrados no que se localizan 45 estruturas en catro sectores de restauración.
Pola súa banda, no Facho de Donón en Cangas, no que tamén comezaron os traballos a finais de maio, apareceron xa 4.600 pezas entre as que destacan catro moedas do século IV a. C. (pertencentes a un tesouro xa atopado no ano 2006), unha peza romana de colar azul de pasta vítrea, fragmentos de varias ánforas béticas e itálicas do século I a.C. e un importante número de cerámicas castrexas de entre os séculos IV e I a.C.
No caso do xacemento do Morrazo, as tarefas céntranse en delimitar a época de construción da muralla, definir unha serie de estruturas próximas a esta e continuar os traballos de restauración na zona máis alta do xacemento.