Os especialistas aseguran que a situación do puñal é unha novidade porque que se ben nos anos 70 do século pasado apareceron xa dous puñais asociados a cabanas, neste caso o achado tivo lugar nun espazo alleo ás residencias. De feito, o persoal da Deputación de Pontevedra que traballa no xacemento da Lanzada cree que é o puñal, que aparece con artefactos do século II A.C. pese a que é moi anterior a ese século, tratábase dunha especie de reliquia que quizais se situou nese espazo por unha cuestión votiva.
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa satisfacción por este último achado que confirma as expectativas formuladas no inicio respecto a este xacemento e felicitou ó persoal de arqueoloxía que están a traballar no campo da Lanzada. Ó mesmo tempo Silva manifestou que os traballos no campo da Lanzada continuarán ata o mes de xaneiro debido ós materiais que están a aparecer a diario no xacemento.
Desde o comezo da intervención na Lanzada atopáronse unha grande cantidade de vestixios do noso pasado. En concreto, acháronse un total de 15 esqueletos, varias fíbulas e restos de media ducia de “sigilitas” gravadas que segundo o equipo de especialistas da Deputación, pese a ser habitual a súa aparición non o é a grande cantidade de pezas achadas, o que pon de manifesto, unha vez máis, a orientación comercial do asentamento da Lanzada.
A Lanzada trátase dun xacemento moi interesante para coñecer o mundo da Idade de Ferro no noroeste peninsular e a importancia das relaciones comerciais que desde A Lanzada se establecían, que situaban ó asentamento nos circuítos comerciais daquel momento. Neste eido, nas intervencións realizadas ata o de agora, atopáronse restos situados entre a Idade de Bronce e do Ferro, tamén achados de cabanas de madeira con recuberto de pallabarro (século VI a.C.), construcións de mampostería de plantas circulares e anguladas, así como restos de edificacións cuadrangulares e de plantas complexas (século II-III d.C.), dunha necrópole dos séculos III-IV d.C. ou dunha fortificación para a defensa da costa contra as invasións normandas do século X d.C.
A intervención na Lanzada forma parte do protocolo asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos na provincia de Pontevedra.