A tramitación desta recuperación patrimonial foi moi longa debido ás necesarias cautelas arqueolóxicas pero nestes momentos xa se pode proceder á licitación e posterior inicio de obras.
O obxectivo é restaurar, consolidar e poñer en valor as murallas do Castro que datan do século XVII e que formaban parte dunha fortaleza defensiva. O actual estado de conservación é moi deficiente e require importantes obras de mellora en tres liñas principais.
En primeiro lugar, haberá que realizar intervencións de conservación e recuperación de elementos propios da fortaleza; en segundo, hai que acometer unha reorganización da accesibilidade ao monumento: Porta Norte; e, por último, procederase á mellora da integración da fortaleza na paisaxe urbana: iluminación e reestruturación da masa vexetal colindante.
Cabe recordar que a recuperación das murallas potenciará a ruta deseñada para coñecer o perímetro que formaba a fortificación. O percorrido está sinalizado a través de marcas vermellas no chan das rúas, que guían aos viandantes polo perfil da antiga protección da cidade.