A primeira delas terá lugar o sábado 14 de decembro e percorrerá o castro de Castrolandín, no concello de Cuntis, a Fundación Terra Termarum Castrolandín e o xacemento da Lanzada. Un dos comisarios de ‘Galaicos’, Rafa Rodríguez, será o encargado de guiar ós participantes a través da historia e das pedras.
Pola súa banda, o sábado 21 de decembro outro grupo coñecerá o xacemento do Facho, en Cangas, e posteriormente visitará a vila romana de Toralla, no concello de Vigo, da man do arqueólogo José Suárez. Finalmente, o sábado 11 de xaneiro, o historiador e arqueólogo Diego Piay acompañará ós participantes da terceira ruta polo Castro de Santa Trega, pertencente ó concello da Guarda, e pola adega Terras Gauda, situada na zona do Rosal.
Para a realización destas visitas guiadas a través da historia e a arqueoloxía pontevedresas e galegas, os grupos serán reducidos, contando cun máximo de 30 persoas. Deste xeito, o prazo de inscrición abrirase o luns 9 de decembro e a matrícula poderá facerse mediante métodos informáticos na web de Turismo Rías Baixas (visitasguiadas@depo.es). Amais, admitiranse ata catro persoas inscritas por email.
A exposición ‘Galaicos’ abrangue a historia de Galicia no período comprendido entre o crepúsculo da Idade de Bronce (1500-800 antes da nosa era) e o século VI. O seu obxectivo é amosar o nexo de unión entre dous mundos, o Atlántico e o Mediterráneo, a través de máis de 60 obxectos arqueolóxicos, algúns orixinais e outros réplicas, así e información sobre algúns dos xacementos da provincia, entre eles os da Cabeciña, Penalba, A Lanzada, Santa Trega, Monte do Castro, Castro de Alobre e Castrolandín, Monte do Facho, a vila romana de Toralla e Salinas de Vigo ou Adro Vello.
As fotografías e vídeos que se amosan permiten coñecer estes xacementos e valorar a paisaxe arqueolóxica da provincia para amosar os cambios e as continuidades que se producen durante un longo período de tempo de máis de 2.000 anos da historia de Galicia. ‘Galaicos’ chegou ao Museo de Pontevedra o pasado 4 de outubro despois de recibir máis de 32.000 visitas no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo da Prehistoria de Valencia.