«A creación de cultura urbana en espazos públicos de Vigo é unha realidade co programa de medianeiras e este evento é un paso máis co que se busca a interacción da cidadanía», explicou Abel Caballero esta mañá na presentación do proxecto, na que estivo acompañado pola tenente de alcalde e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e varios dos artistas participantes.
O evento terá como «escenarios» a Praza de Compostela, a rúa do Príncipe, a Praza da Princesa e a Porta do Sol e contará coa participación de estudantes de varios centros da cidade, a Fundación Igualarte e a Escola de Artes e Oficios.
Paula Cabaleiro, coordinadora de «CreaVigo», agradeceu ao Concello a súa aposta pola cultura urbana e destacou que o obxectivo deste evento é «democratizar a cultura contemporánea levándoa á rúa e, deste xeito, facer cidade».
Entre as oito actividades do programa, destacou o espectáculo de percusión e coreografía Trópico de Grelos, o xoves 24, «que arrastrará ao público do Sireno ata Urzáiz cunha música adictiva», asegurou a coordinadora.
Para os máis pequenos, Cabaleiro recomendou o sábado 26 a actuación da compañía Traspediante, un espectáculo de danza-circo «que inclúe acrobacias e funambulismo».
Isabell Seide, pola súa banda, ofrecerá tamén o sábado pola mañá un taller de ilustración pola zona vella da cidade. «Propoño debuxar na rúa e mostrar os distintos puntos de vista que cada un pode ter dun mesmo espazo», describiu.
A escultura chegará da man de Román Corbato, que creará unha peza na Praza de Compostela en colaboración coa Escola de Artes e Oficios. «A idea é que a xente a percorra e interactúe con ela», asegurou o artista. «Traballar no espazo público é un reto e unha responsabilidade», concluíu.