A beleza da obra, definida como ‘milagre natural de rostro feminino e aderezado con garzas, flores, mar e prantas» foi realizada pola artista internacional Lula Goce, a quen o Concello de Nigrán contratou o ano pasado a transformación da gran medianeira de 250 m² situada na esquina entre rúa Argonautas e Romana Baixa e o muro da piscina mancomunada ata o Camiño da Cabreira.
Este lugar antes anodino pero de gran afluencia de xente, é, grazas á intervención de Lula, unha icona de Nigrán que impacta á veciñanza pola súa beleza e pola súa capacidade de transfigurar lugares. A obra compite actualmente na prestixiosa plataforma internacional de arte urbano ‘streetartcities’ contra 50 murais situados en todo o planeta, desde Arxentina, Brasil, Francia, Chile, Italia…
A gran novidade neste traballo de Lula Goce é que, por vez primeira, a artista empregou a intelixencia artificial para xerar o rostro da ‘Dona do Esteiro’ a partir dunha mestura dunha imaxe de Penélope Cruz con outras mulleres elixidas aleatoriamente. Sen embargo, debido as circunstancias emocionais na que traballou neste mural, a muller a quen Lula llo adica si ten nome e apelidos: Lourdes Goce, a súa nai. “Pola súa tenacidade, forza e capacidade para superar todos os obstáculos que a vida lle plantexa”.
Ademais, e como é característico na súa obra, a exhuberancia da natureza e a beleza feminina mesturarase neste gran conxunto mural para trasladar á cidadanía unha mensaxe en defensa do medioambiente e tamén de orgullo de pertenencia e de identidade compartida. «A Foz é o gran punto de encontro dos tres municipios, un lugar que forma parte esencial do que significa o Miñor e que é realmente marabilloso», explica Lula, asidua aos paseos polo esteiro para admirar os atardeceres ou as propias garzas que traslada tamén ao mural. Como punto gótico, tamén habitual na súa obra, o bestiario ou gárgola que a muller sostén na man, “simboliza o lado escuro do ser humano, a parte máis oculta e que tamén conforma a nosa personalidade”.
As votacións para que o mural se converta en mellor do mundo están abertas ata o vindeiro 31 de xaneiro na web da plataforma internacional de arte urbano Street Art Cities. O alcalde de Nigrán, Juan González, animou á veciñanza a votalo: «É xa un referente máis do noso municipio pola súa espectacularidade», sinalou.
Sobre a artista
Lula Goce, nacida en Baiona e con taller en Nigrán, concentra na localidade o seu maior número de obras de toda Galicia, sendo esta a súa primeira medianeira do Miñor. No ano 2018 pintou a fachada do CEIP Carlos Casares de Vilariño, no 2020 o Campo Municipal de Condomínguez de Priegue e, no mesmo ano, un gran mural en Panxón.
Todas pezas contratadas polo Concello e ás que se sumou en abril de 2023 ‘A Dona do Esteiro’, polo que o municipio forma unha parte esencial do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia… “É unha honra traballar en casa e que a veciñanza se amose tan receptiva e cariñosa conmigo, son de Baiona e tamén filla adoptiva de Nigrán”, confesa.
Licenciada en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola da Dona, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa.
O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro. Nas súas próximas citas estará en Requena para pintar unha bodega de cava, en Mónaco coa Fundación Príncipe Alberto, coa Fundación Celta de Vigo, Suíza, Detroit, Santiago, Doha e Mallorca.