A Praza de Compostela converterase o próximo 3 de setembro nun novo epicentro da cultura urbana en Vigo. Tras a celebración do Marisquiño, a cidade xa se prepara para celebrar un evento que, ademais, quere dar maior dimensión ao folclore galego, plasmándoo na pintura. Trátase do I Concurso de Graffiti ACDC, organizado pola Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, que propón unha temática que xire arredor da música, traxe e abalorios tradicionais galegos.
No certame poderán participar todas as persoas a partir de 14 anos (os menores de 18 deberán presentar autorización do seu representante legal). Para facelo, debe mandar os seus bosquexos (un máximo de dous) en formato jpg ao correo info@centrosculturaisvigo.es, xunto coa documentación esixida nas bases, antes do venres 19 de agosto.
O xurado, que estará composto por membros da directiva da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, seleccionará oito participantes, que terán que plasmar a súa obra o sábado 3 de setembro, entre as 10:30 e 18:00 horas, na Praza de Compostela.
Será ese día cando outro xurado, composto por xente relacionada co mundo da arte, un membro da directiva e un representante do Concello de Vigo, escolla os gañadores, que poderán recibir un dos seguintes premios en metálico:
- Primeiro posto: 300€
- Segundo posto: 200€
- Terceiro posto: 100€
- Cuarto posto: 50€
- Catro accésit de 30€