A súa nova proposta, VIP, sobe ao escenario as actitudes condescendentes e consentidoras que na actualidade se chegan a cometer na educación de fillos e fillas e que poden acabar de modelar unha personalidade dominadora que somete os adultos, incluídos os pais e os mestres. As funcións de Vigo terán lugar no Teatro Afundación hoxe, xoves 19 de marzo, e mais o venres 20 de marzo ás 20.30 h. A de Pontevedra será na Sede Afundación o domingo 22 de marzo tamén ás 20.30 h. As entradas para este evento están dispoñibles a través das canles habituais da entidade en ataquilla.com, na billeteira telefónica no 902 504 500, nas da Central de Espectáculos de Vigo, ou ben nas sedes Afundación en Santiago de Compostela, Ourense e A Coruña, e no despacho de billetes do recinto do espectáculo o mesmo día da función.
A partir da denominación empregada para sinalar aquelas persoas que reciben un trato especial, VIP (very important person), Joglars parodian en clave sarcástica os excesos que os adultos cometen na educación dos menores desde o momento mesmo do embarazo ata o posterior paso polas aulas. O feito de chegar incluso a coroar o neno protagonista da peza teatral dá unha idea da mensaxe que se intenta transmitir. Tanto Ramon Fontserè como o resto do grupo actoral coinciden en destacar a tiranía que se lles consinte exercer aos cativos en todos os ámbitos da súa vida. Comentaba o director de Joglars unha anécdota sobre o comportamento dos seus sobriños en cada ocasión que acoden de visita á masía onde reside: «Hai que quedar co afinador do piano unha vez ao ano para que veña á casa, porque nada vale cando pasan eles por alí. Os pais non din nada mentres eu sinto como os pequenos aporrean as teclas. Os maiores seguen falando de fútbol ou calquera outro tema e ti, por educación, non lles berras, non dis nada, calas».
Cunha escenografía sinxela que favorece o cambio de acción de maneira rápida e que se aliña coa intención de ir mudando secuencias de tal maneira que se poida identificar coa sucesión comparativa que xorde na mente dos rapaces cando xogan, esta peza é unha chamada de atención para buscar a posible verticalidade do péndulo educativo que, como comentan desde Joglars, pasou dun extremo ao outro sen apenas deterse no centro.