Unha das principais liñas de actividade cultural de Afundación xira en torno á súa colección de arte, un excepcional conxunto de obras atesourado ao longo de máis de cinco décadas de traballo que permitiron que obras imprescindibles da historia da arte galega se encontren hoxe entre os seus fondos. A relevancia da Colección de Arte Afundación valeulle a declaración de Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia no ano 2015.
A magnitude da Colección de Arte Afundación é un aliciente para a realización de numerosas exposicións temporais que abordan o estudo da arte, especialmente galega, desde diferentes ópticas, pero mantendo sempre unha visión estable dalgunhas das súas principais pezas neste espazo permanente. A vocación divulgativa e didáctica que caracteriza a colección desde as súas orixes desemboca nesta iniciativa de amosar a evolución da arte galega desde o século XIX ata a actualidade, poñendo cada autor no seu contexto e permitindo, con iso, percorrer case dous séculos de arte.
A nova proposta en torno á Colección de Arte Afundación está alicerzada na exposición de 78 obras de arte de pintura, escultura e fotografía. Como novidade especialmente destacable, cómpre sinalar a presenza dun considerable número de pezas escultóricas pertencentes a 13 escultores dos séculos XX e XXI. Ademais, está incluída tamén nesta mostra a primeira peza inventariada da colección, é dicir, o xermolo deste patrimonio artístico no que se presenta, así mesmo, a obra máis antiga (de Jenaro Pérez Villaamil, datada en 1848) e a máis moderna (de Miguel Piñeiro, do ano 2011).
Nesta ocasión estarán expostas ao público un 50 % de obras que por primeira vez se mostran neste Espazo Colección e que axudan a construír un relato expositivo baseado na sucesión cronolóxica para entender o progreso da arte galega contemporánea, sempre posta en relación co mesmo avance a nivel internacional. Polo tanto, o impacto das primeiras vangardas, dos desastres bélicos acaecidos en Europa durante as décadas dos trinta e dos corenta do século XX, o informalismo, a abstracción, a nova figuración ou a identidade persoal son influencias que conviven nesta mostra xunto a expresións xenuinamente galegas como as da xeración Doente ou os Renovadores.
Actividades educativas complementarias
Atendendo a vocación de fomento do coñecemento de Afundación, a entidade elaborou un completo abano de propostas educativas flexibles co gallo desta mostra. Tendo en conta a o carácter de permanencia desta exposición, optouse por ofrecer unha serie de visitas obradoiro baseadas na pluralidade de escolla. Deste xeito, proponse, por un lado, un itinerario vinculado coa sucesión cronolóxica e cun enfoque de tipo histórico, e, por outro, un percorrido máis centrado na propia evolución das tendencias pictóricas e a súa repercusión nas creacións dos artistas.
Todas as actividades abranguen as diferentes etapas educativas, desde infantil ata ciclos formativos, universidade e público xeral. Ademais, existe unha iniciativa gratuíta para a que tan só é preciso realizar unha inscrición previa, que se denomina «Os xoves da colección» e que terá lugar todos os xoves ás 19.30 h. Está destinada a un público adulto e consiste tanto nunha visita guiada á mostra como nun completo obradoiro vinculado con ela. Así mesmo, Afundación ofrece a oportunidade de visitar esta exposición en familia grazas á súa proposta específica para este tipo de grupos. As reservas pódense realizar no número de teléfono 986 129 032 ou no enderezo electrónico areaeducativavigo@afundacion.org.