Antón Patiño é unha das figuras claves da arte contemporánea galega. Pero tamén un dos autores de cómic máis destacables da historia da banda deseñada de Galicia, posto que lle corresponde prácticamente por un único traballo, “Esquizoide”, que Editorial Elvira e Fosfatina acaban de reeditar. Este libro de historieta experimental é o que nos leva a charlar co actual protagonista da mostra no CGAC “Caosmos”.
-Imos falar da reedición de “Esquizoide”, unha obra sen dúbida seminal. Cal é a súa orixe real?
-O libro está publicado en 1978, pouco despois no 79 en Artes Gráficas aquí en Galicia. E agora se reedita nun libro excelente. Hai uns dez anos fixen unha exposición, “Crónica do artista adolescente, , 1974-1979”, na que reflexionaba sobra as miñas inquedanzas case adolescentes, diversas e complementarias. Pintura, debuxo, poesía, fotografía mesturada con pintura… un interese pola narrativa e a poesía como quen de xerar un espazo na imaxinación. Cando hai dez anos acheguei a todas aquelas inquedanzas propias do eu adolescente, estaba abrindo as portas dun fallado no que estaba a procura da liberdade, a loita contra a dictadura… naquela mostra eu mesmo estaba facendo unha volta atrás á miña adolescencia.
A adolescencia é un período clave, deixas atrás a infancia e tanteas novas inquedanzas, intereses culturais diversas… O propio corpo convertíase en laboratorio de experimentar. Na librería dos meus pais era testemuña de tertulias coa intelectualidade galega, con xentes como Celso Emilio Ferreiro. Realmente no meu caso o raro sería escoller un oficio distinto do que escollín, o mundo da cultura e o arte. E “Esquizoide” nace nesa procura de liberdade, un espazo de cultura no que o cómic tiña importancia.
Pouco despois da adolescencia e xa en Madrid inflúe a perspectiva do meu irmán Reimundo, un pioneiro da banda deseñada galega, que ademais era un autor tan intenso como radical. Él pensaba na democratización da cultura, e “Dúas Viaxes”, feito con Xaquín Marín, é a icona, como o seu “O home que falaba vegliota”, do cómic galego. E a súa apertura ao cómic foi contaxiada a todos nos: Marín, “Chichi” Campos… a todos. Por certo, tanto o “vegliota” como os orixinais de “Esquizoide” están no Museo Reina Sofía. Isto fala da importancia destes traballos! “Esquizoide” mestura cómic, debuxo, fotografía, pintura… eu quería ir un paso mais alá e o que fago é, no pulso e o reto que representa a magnífica obra de Reimundo e mesmo de Xaquín , tentar ir mais alá. Quería ser heterodoxo dentro da heterodoxia!
-Vai un paso mais alá, chegando á abstracción, aínda que non baleira de discurso e mensaxe. O teu traballo era unha rara avis dentro da banda deseñada (nas vangardas gráficas é outra cousa)
-Eu tiña contactos fora de España pero aquí, en fin, lembro incluso unha carta dun crítico de cómics que case me perdoaba a vida (rimos), non lembro ben quen era. Nas vangardas do absurdo estamos no seu espazo natural, pero qué sucede? Que é un cómic. E si a banda deseñada non o aceptaba, penso que algo non funcionaba… era unha posición de purismo absurda, unha deficiencia intelectual da crítica e o mundo do cómic, me lembra ao mundo purista do flamenco que non admite derivas nin experimentos. Pureza… pero pureza de qué? Hoxe non estou moi no mundo do cómic pero si vexo que existe unha xeración nova moi aberta.
-Si, de feito penso que hoxe realmente podemos falar de “Esquizoide” como o avó dunha nova forma de pensar a banda deseñada, que están a explorar novas xeracións, moi novas, de autores de cómic. Moitos de feito no entorno vigués, da editorial Fosfatina.
-Si, si. A min dame moita ilusión ver esta xeración, eu si que cando vexo agora rapaces e rapazas facendo unha proposta imaxinativa, onde está todo fervendo fronte a unha banda deseñada convencional e pueril… eu coñezo parcialmente, teño interese pero non estou nun grado de seguimento profundo. Pero si que teño interese nesta nova xeración de autores, e quero facer o esforzo de coñecer este ambiente.
-“Esquizoide” é unha obra diferente e de mestura total…
-En “Esquizoide” temos un arquivo que define un espazo onde meto o desorde do mundo. As intuicións do adolescente seguen vivas, por exemplo fíxate no tema do lixo, esa paisaxe contaminada superposta ao mundo real, con tintes tamén de mensaxe ecolóxica. Tamén a psiquiatría, que relaciono coa contaminación. No cómic está a imaxe liberada, unha banda deseñada sen coordenadas, sen norte ou sur. Está a familia nas fotografías manipuladas que quedan subsumidas no grafismo (fotos queimadas, copia debuxada da fotografía…). E con todo isto e aínda mais ideas (por exemplo, o espazo do meu estudio como espazo illado do mundo, ese mundo represor que nos leva ao franquismo está presente) fago un cómic abstracto. Se chegou a falar de “cómic mareante”.
-Algo xa falamos desto, pero como foi recibido?
-Como inasimilábel. Na revista “Star” [revista clásica de cómic da transición, publicada entre 1974 e 1980] lle dan duro. Pero ollo, fora de España… mira, teño aquí unha carta de Jean Dubuffet, o pintor francés, que fala de “obra vibrante”. Pero lle interesa a obra como produto artístico, non lle interesa o cómic como medio.
-E ti, cal é a túa achega á banda deseñada?
-Eu gustaba do cómic francés, Druillet, Corben, “Metal Hurlant”, o grupo Bazooka [grupo de artistas gráficos formado en Francia en 1974 que, desde influencias heteroxéneas como o «pop art» ou o cómic, abundaron nunha estética radical e anárquica que será ligada á música punk, Moscoso, o Moscoso autor de cómics… de feito conservo cousas. E parecíanme moi virtuosos pero non era o que eu buscaba. Moscoso quizá si era o que mais me interesaba, e resulta que era de orixe galego, qué cousas…
-Mais alá de este “Esquizoide” tes algún cómic mais, publicado, algo pequeno, “La Historia del Blues”, un libro-CD de Siniestro Total.
-Pois si, non lembro cómo foi aquelo… invitaríame Julián Hernández… pero iso é unha proposta de collage, mais obxectual.
-Xa, e que realmente hai que vincularte mais ao mundo da arte plástica.
-Si, tamén practico o ensaio sobre a arte. De cómic apareceron mais cousiñas en revistas como “Teima”, páxinas soltas… sempre con liberdade creativa. Tamén traballei con total liberdade no libro de Siniestro Total. E teño inéditos, mesmo un traballo de oitenta páxinas que son mais herméticas aínda que o “Esquizoide”. Debería mirar nas vellas carpetas, porque hai cousas inéditas , si, pero sempre fora das marxes… cando achegueime ao narrativo, a o convencional, non atopei alí o meu sitio.
-Xa en xeral, como artista, mirando o teu presente me gustaría falar de cómo te afectou este tempo de coronavirus, alarma e en fin, o confinamento.
-O tema do COVID confirma as posturas pesimistas que algúns tiñamos, unha sensación dunha distopía. Vivimos unha situación inédita, sobrevivindo e cun impacto no eido dos procesos culturais que aínda non somos quen de analizar. Respecto ao confinamento, os artistas realmente xa estamos confinados. Quen aporta á sociedade un traballo paciente, feito con teima, tamén con obsesións, a partir da construción persoal e da autorrealización… parte do illamento, que no traballo retorna á sociedade, á comunidade. Como un científico que ten que estar illado moito tempo, pechado. E ese peche paradoxalmente favorece ao traballo. No meu caso o certo é que ao principio do estado de confinamento forzoso a desconcetración era enorme, tívenme que amoldar á situación global. Respecto ao impacto económico, pois bueno, a crise é parte do sistema capitalista, o mundo da cultura nunha sociedade que camiña cara a un totalitarismo tecnolóxico, pois se queda nunha posición periférica. A cultura sobrevivirá, estará e será resistente porque na cultura está o pensamento crítico das sociedades. Ou refugamos do capitalismo mais feroz ou temos un problema. O vexo moi en paralelo có ecoloxismo: o capitalismo é o problema
-Cómo ves a nosa cidade, Vigo, no tema cultural?
-Vigo é unha cidade de case 300.000 habitantes pero eu non sei si se pode pensar no concepto de grande cidade. Porque a grande cidade ten que ser creativa. En Vigo hai elementos illados pero sen dinámica de conxunto. Non se da un ecosistema activo. Que en Vigo pode haber unha explosión cultural? Xa oi defendín coa polémica do MARCO, pero se precisa un contexto saudábel, as estruturas civís, alternativas e institucionais/administrativas teñen que confluír. A realidade hoxe é que non sucede así: non hai apoio ao tecido das librerías, a biblioteca é unha materia pendente, non hai unha biblioteca de arte contemporáneo en Vigo… están os elementos illados, un puzle sen armar. É un momento moi bo para que cada quen faga o seu traballo no campo no que estea, aportando. Pero cunha dinámica de apoio mutuo. O importante son as sinerxias, que as aportacións individuais se correspondan cun mapa colectivo. Unha sociedade contemporánea é a que deixa unha imaxe desa xeración, definindo unha nova paisaxe, un contexto. Unha cidade como Vigo no conxunto galego e na conexión con Portugal é desexable, pero non vexo a dinámica política.
-Hai potencial pero non unha idea de escena, faltan vasos comunicantes…
-Dis ben, lembro a André Bretón, que falaba d e campos magnéticos… todos temos ese libros da escola, describindo entornas que lembran á sociedade. A sociedade é tan complexa que para entendela e unir os polos precisamos da reflexión da arte. Dunha arte viva, radical, que cuestione e incomode. Na política cultural habería que intervir tamén para favorecer estes campos, estes vasos, esta idea de conxunto. E logo o facer sen intención illante. Elvira/Fosfatina fan aquí, pero vende ata a Xapón.
-Imos cerrar falando dos teus proxector en presente e futuro.
-Pois entreguei a Elvira “O libro dos lugares” que saíu moi ben, un libro ambicioso e claro, vangardista, do que xa editamos unha primeira parte e sae agora a segunda. E pode entenderse como un proxecto en marcha que pode volver. En español publico un novo ensaio sobre a teoría das imaxes que se chama “De dónde vienen las imágenes” (Ed. Xorolas). Remato con él unha triloxía sobre a teoría da imaxe e da mirada. E finalmente a exposición “Caosmos” no CGAC de Santiago de Compostela e que está aberta ata xaneiro do 2021. É unha exposición que pon fronte a fronte ao Patiño adulto có adolescente. Manexando moitas ideas das que xa falamos, o ecoloxismo, a sociedade hoxe, o hipercapitalismo… e na exposición ten moito peso o “Esquizoide”. “Caosmos” se chama así como mestura de caos e orden, e mira, ao fin en “Esquizoide” o cómic tamén é un modo de ordenar (por exemplo coas viñetas) un caos.
-Sempre combativo…
-Hai que resistir, iso que nunca falte!