O rexedor sinalou a medianeira como espazo de «reivindicación da igualdade» e referiuse ás mulleres presentes como os «rostros da determinación», aquelas que están retomando o camiño da busca e reivindicación dos dereitos para cambialo «con plenitude». Amais, destacou o don de liderado de Míriam Gutiérrez, campioa mundial de boxeo e protagonista do mural, cunha fortaleza «quen de erixirse como unha grande líder do deporte deste país» ou a capacidade de superación de Lupita, que leu poemas e a calidade artística de Woyza, que interpretou varias pezas musicais durante o acto, no que participaron tamén o colectivo Til Diacrítico e a propia a autora da medianeira.
Pola súa banda, Carmela Silva adiantou que con este mural, «o primeiro pero virán outros», o goberno de Vigo quere «ocupar todo o espazo público en favor da igualdade» e rexeitar o sufrimento, dor e maltrato que «padecemos as mulleres polo feito de ser mulleres». Así, avogou porque a sociedade loite para rematar co maltrato e a desigualdade.
«Expostas» forma parte das actividades complementarias da terceira edición do Programa Municipal de Medianeiras e Arte Urbana que tamén inclúen o pintado de murais en seis colexios, talleres de arte urbana para nenos en diferentes puntos da cidade, concertos na ría e xornadas de arte urbana. O Concello puxo en marcha a web «Vigo, Cidade de Cor» con todo os murais, a súa localización e información sobre os seus autores para divulgar este patrimonio cultural.