“Queremos expresar a nosa adhesión e solidariedade co colectivo de artistas que rexeitaron participar na mostra ‘Metropole’, coincidindo plenamente co seu comunicado. O acontecemento non é mais que un intento de acalar as voces discrepantes co cambio de modelo sobre o Marco, cambio que vai supoñer a liquidación do proxecto cultural do museo con máis visitas da nosa cidade”, declarou o concelleiro Xosé Lois Jácome.
Pola súa banda, o voceiro de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lembrou que “tanto o traballo de Agar Ledo como o de Iñaki Martínez foi encomiable” e advertiu que non se pode esquecer que “a Xunta de Galicia tamén se negou a participar no Marco, empoderando a Abel Caballero coa súa teoría de ‘quen paga, manda’”. “Se as outras administracións colaborasen, a correlación de forzas sería diferente e a composición do padroado, tamén”, mantivo.
Marea de Vigo concorda con todas as demandas do colectivo de artistas no seu comunicado: a autonomía de xestión, a convocatoria da praza de dirección por concurso público e que os responsables públicos asuman un código de boas prácticas para a xestión cultural do museo.
En canto as declaracións de Abel Caballero sobre o futuro do Marco, Pérez afirmou que “discrepamos da lectura simple que di que a arte contemporánea é elitista e que os vigueses e as viguesas non poden desfrutar dela”. Segundo dixo, “isto supón unha banalización da cultura que non estamos dispostos a asumir”.
Así, a formación reiterou a súa petición sobre a creación do Consello da Cultural da cidade, onde sexa a xente do sector cultural quen opine en lugar das e dos políticos, que deben ser quen de asumir a proposta.