«Marea de Vigo vén tempo denunciando os problemas que neste eido presenta a principal institución museística da cidade olívica (con preto de 90.000 visitantes ao ano e moi lonxe do seguinte espazo museístico, que recibe arredor das 25.000 visitas), xa que as partidas orzamentarias destinadas para o MARCO son insuficientes para ofertar unha ampla programación cultural», apunta o grupo municipal nun comunicado de prensa.
“É preciso asegurar unha programación completa, e para iso debemos aumentar as achegas económicas do Estado xa que o orzamento anual do seu Padroado (Concello de Vigo, Xunta de Galicia e Ministerio de Cultura), son escasos e non cobren, ás veces, todos os gastos do museo de xeito óptimo”, engade.
A Marea explica que o Marco é, xunto ao Museo do Mar, o único espazo museístico de carácter público da cidade (ademais dos das fundacións) que non está xestionado directamente polo Concello e apuntao que «no caso de Vigo é o mesmo que estar concesionado».
«A situación da rede de museos que dependen do Concello é similar a calquera outro servizo xestionado por unha concesionaria (responsabilidade por tanto do Goberno que é quen en definitiva aproba os pregos de condicións para os servizos)», di Marea de Vigo, asegurando que isto tradúcese en «mínima atención e investimento e, por suposto, custe mínimo para pagar ao persoal, que ten que cubrir practicamente tódalas funcións que se levan a cabo nos museos, incluídas as tarefas de administración e coordinación, estando case na súa totalidade cubertas por persoal cunha categoría profesional pola que se percibe un salario non superior ao Salario Mínimo Interprofesional».
Ademais, explican que como xa aconteceu co Verbum, estes espazos sufriron na súa gran maioría fortes reducións en investimento nos últimos anos, o que leva a un peor servizo que despois se traduce nos pésimos datos sobre as visitas.
«Isto non é un feito illado en canto a atención que se lle da á cultura na nosa cidade, son moitas as asociacións culturais de música, teatro, danza, cine, etc… que nos últimos tempos teñen amosado o seu asombro porque Vigo estea fóra dos circuítos culturais do país e mesmo semelle non ser unha prioridade para este Goberno Municipal», conclúe.