A artesanía ocupa un lugar destacado nesta nova edición do festival con dous talleres impartidos pola ceramista Verónica Moar e polo construtor de instrumentos musicais tradicionais Xaneco. Bolsa Eloy Gesto nos premios Artesanía de Galicia 2014, o obradoiro da coruñesa Verónica Moar, que conclúe hoxe, aposta polo deseño contemporáneo e funcional partindo dos coñecementos artesanais da cerámica, da simboloxía e do imaxinario artístico colectivo de todos os inscritos ao obradoiro. Pola súa parte, tras o éxito da pasada edición, Xaneco regresa hoxe a Música no claustro para construír artesanalmente un novo instrumento do rico patrimonio musical galego.
Estes obradoiros, nos que participan un total de 20 alumnos, completan a programación do festival, que arrancou onte e que se celebra ata o próximo domingo no claustro da catedral de Tui baixo a dirección artística de Samuel Diz.
Artesanía de Galicia xa participou en edicións anteriores nesta iniciativa, que incorporou ao patrimonio da catedral de Tui pezas elaboradas nos propios obradoiros por profesionais como Idoia Cuesta, Xaneco e Susi Gesto.