Desde este venres e ata o próximo 15 de setembro, Otero dispón na primeira planta do MARCO as súas creacións artísticas, con pezas ideadas nos últimos meses para a ocasión. O propio autor, na presentación da mostra, indicou que «a honra máis grande da miña vida é poder expoñer aquí». Abel Caballero definiu ‘Atlas de soidade’ como «unha forma de ver o territorio e unha expresión de fortaleza».
Nesta ocasión, Xosé Luís Otero participa das dúas disciplinas clave na súa formación e posterior desenvolvemento como artista: a pintura e a escultura. Así, nas súas instalacións, a paisaxe -o xénero tradicional do que bota man na pintura dos seus comezos- cobra unha nova dimensión, convertida xa en leitmotiv dun universo de dous polos: rural e urbano.