A fronte nacionalista quixo criticar tamén o “estado lamentable” no que se atopa boa parte da rede museística da cidade que “é un exemplo clamoroso da política de desertización cultural a que estamos sometidos por parte do goberno local”. “Temos unha rede de contedores baleiros de contidos, con horarios de apertura minúsculos e mesmo sen dirección como é o caso do Museo de Arte Contemporáneo ou do Verbum”, apuntou o candidato á alcaldía do Bloque, Xabier P. Igrexas.
Igrexas lembrou que o Cafvi foi inaugurado o 7 de maio 2015 e fechado apenas tres meses despois logo de albergar unha pequena exposición cunha escolma fotográfica dos fondos do Arquivo Pacheco. Desta maneira, unha dotación que supuxo un investimento de arredor de dous millóns de euros leva máis de tres anos e medio sen ningunha actividade e coas portas fechadas, nun palpábel estado de degradación con pintadas no seu exterior.
Diante do “total desleixo municipal”, Pérez Igrexas reivindicou que “unha das mellores maneiras de humanizar a cidade é democratizar o acceso á cultura que pasa por unha política na que prime o contido sobre o contedor e facilite o acceso do pobo a todas as manifestacións artísticas”, expón o candidato do Bloque.
A fronte nacionalista chamou a valorizar e impulsar “a enorme forza creativa que ten a cidade, tanto do seu patrimonio fotográfico que representa unha memoria visual do que fomos, como co talento de novos creadores e creadoras na arte fotográfica”, para que demandan a apertura e dinamización do Cafvi.