Un total de 45 obras de arte en muros e medianeiras enchen xa de cor Vigo, converténdoo nun verdadeiro museo ao aire libre, tras a finalización do III Programa «Vigo, cidade de cor». Esta nova etapa do proxecto foi clausurada oficialmente esta mañá polo alcalde, Abel Caballero, e a tenente de alcalde, Carmela Silva. Ambos estiveron rodeados dun bo número de artistas que participaron no proxecto ademais de numerosos representantes da cultura da cidade.
Caballero agradeceu a todos os pintores que formaron parte desta iniciativa a súa capacidade para «facer Vigo dunha forma diferente» xa que, afirmou, «hai moitas formas de entender esta cidade tan diversa». Para o alcalde, «Vigo sumiuse na segunda metade do século XX nunha etapa de escurecemento e xa era hora de devolverlle a luz». «Estamos nun momento en que a sociedade reclama que fagamos un Vigo distinto, de retomar esa forma de entender a cidade, e este proxecto, que seguirá o ano próximo, vai cara a esa dirección», engadiu.
O acto, como as medianeiras, estivo cheo de cor. Proxectáronse dous vídeos, un deles no que Silva e Caballero reflexionan sobre a cultura urbana, a loita contra o «feísmo» e a participación dos colectivos da cidade na creación das medianeiras, e o outro con belas imaxes dos artistas durante os seus procesos de creación. Ademais, a cantante de orixe palestina Najla Shami puxo música ao evento e os poetas Vanesa Álvarez e Marcos de la Fuente, poesía.