O Concello de Vigo retoma desde o mércores as visitas teatralizadas ao cemiterio municipal de Pereiró. O alcalde anunciouno este venres en rolda de prensa e indicou que o formato será similar ao de anos anteriores, con actores e actrices caracterizados como Concepción Arenal, Irene de Ceballos ou Bernardo González del Valle, “Cachamuíña”, guiando aos asistentes pola historia e a arquitectura do camposanto vigués.
Este ano, pola Covid-19, a administración local viguesa decidiu limitar o aforo, ofertando 21 prazas en cada visita guiada. Ademais, será obrigatorio manter a distancia e o uso da máscara facial, así como o cumprimento do resto da normativa relativa ao coronavirus. O Concello programa vinte catro visitas, todas de hora e media de duración estimada e inicio ás 19 horas. A primeira, este mércores, 14 de outubro, e continúan os días 15, 16, 17, 18, 21, 22, 23, 24, 25, 26, 27, 28 e 29 deste mes e no 4, 5, 6, 7, 8, 11, 12, 13, 14 e 15 de novembro.
Tamén por mor da pandemia, os interesados en anotarse deberán facelo por vía telemática, a través da web de Turismo de Vigo. A inscrición será individual, para maiores de idade e achegando nome completo, DNI, mail e teléfono; unha vez realizada, o interesado recibirá un correo de confirmación e, no caso de esgotarse as vacantes do día, abrirase unha lista de agarda co mesmo procedemento de rexistro.
Cada luns ás 9 horas se abre o prazo de inscrición para as visitas da semana, de tal forma que este luns, 12 de outubro, xa será posible apuntarse a algunha das xornadas da vindeira semana, desde o mércores 14 ata o domingo 18. Para aclarar dúbidas ou ampliar información, o Concello dispón o teléfono 986224757 ou o correo electrónico turismodevigo@vigo.org.