As Microresidencias Verbum son o proxecto co que o Festival Sinsal remata este estraño 2020. Trátase dunha edición ‘Outono’ coa colaboración da Concellería de Cultura do Concello de Vigo, que muda a proposta habitual escénica de concertos e actuacións con público cara un proxecto a porta pechada, acorde cos tempos que vivimos, de experimentación e investigación arredor do son, a luz, as proxeccións e un espazo integrador e co-protagonista, coma o Verbum de Vigo. Todo elo ó través do traballo colaborativo dunha decena de xoves artistas audiovisuais e músicos galegos.
O Festival Sinsal informou este luns de que o proxecto destas Microresidencias é unha amálgama formada por varios artistas de diferentes disciplinas que, sen preparación previa (e nalgúns casos sen coñecerse entre eles), encerráronse durante seis días en diferentes espazos do Verbum para propoñer uns diálogos artísticos entre o clásico e o vangardista, o analóxico e o dixital, a luz e a escuridade, co edificio como elemento resoante.
O colectivo Nononon.Lab (formado por Montse Piñeiro, José Faro, Lucía Estévez e Xacobo Castro, todas elas con ampla e premiada traxectoria nas artes escénicas, a pesar da súa xuventude), creou un espazo inmersivo, utilizando diferentes salas do Verbum, cunha escenografía de luz e proxeccións que acolleu as conversacións entre tres parellas de músicos e artistas sonoros: a violonchelista Macarena Montesinos e o artista sonoro Carlos Súarez, o músico Rubén Abad e os xóvenes productores de electrónica Yugen Kala, a violinista Elena Vázquez e o músico experimental Mateo Mena.
En cada un destes diálogos interveu un proxecto máis orientado á música e os instrumentos tradicionais, e outro que se sitúa na electrónica e a experimentación sonora, nunha conversa con moito de improvisación e investigación sobre o son, a imaxe, a luz e o propio espazo. O través de tres xornadas de gravación das intervencións artísticas se xeraron varias pezas en audio/vídeo de diferentes formatos e duracións, que recollen o proceso creativo, sendo esta propia exploración máis reveladora que o resultado ou peza final. En todo caso, o traballo colaborativo abre unha posible vía para futuras investigacións ou postas en escena de tódolos artistas implicados a partir do material creado..
Os diferentes vídeos editados (o proceso de creación e as entrevistas cos artistas) se publicarán ó longo destes próximos días nas canles propias do Festival Sinsal (web + redes). O primeiro deles, con Macarena Montesinos & Carlos Súarez: