O alcalde de Vigo deu conta da aprobación dunha nova edición, a cuarta, deste programa de arte urbana, que suporá a actuación sobre outras quince medianeiras da cidade no próximo ano.
Este proxecto municipal ofrece un escaparate aos artistas e procura ademais seguir contribuíndo na recuperación e revitalización do entorno urbano. A iniciativa inclúe o embelecemento de espazos públicos como medianeiras, a decoración de exteriores dos colexios -contando coa colaboración dos centros educativos vigueses- e o desenvolvemento de actividades artístico-culturais en toda a cidade, como obradoiros de pintura, performances ou actividades musicais.
O Concello de Vigo destina 350.000 euros á actuación sobre quince medianeiras da cidade, explicou Caballero, quen apuntou que o orzamento subirá ao medio millón de euros coas actividades culturais que se levan adiante en paralelo.
Quirós e Canceleiro
En rolda de prensa, Abel Caballero informou da aprobación da clasificación na contratación da redacción do proxecto do novo pavillón de Quirós, en Sárdoma. O alcalde recordou que esta nova instalación deportiva na cidade conta con partida no orzamento do Concello para 2018 e a súa construción suporá un investimento estimado de 3 millóns de euros.
Por outra banda, o goberno de Vigo deu luz verde á proposta de adxudicación da contratación da humanización da rúa Canceleiro, no treito comprendido entre a rúa Rosalía de Castro e a Avenida García Barbón.