Por unha banda, as salas frontais da primeira planta acollerán a exposición de Jorge Martíns (Lisboa, 1940), artista cunha obra «poética e esencialmente abstracta, en diálogo co mellor debuxo europeo e americano do século XX», tal e como define Óscar Alonso Molina, o comisario da exposición. Xunto a unha coidada selección de debuxos, mostrará en primicia os seus cadernos de apuntes.
Durante a exposición tamén se presentará un libro do artista que recolle, por primeira vez, a súa obra literaria. A exposición e a publicación contan co patrocinio da Fundação Carmona e Costa, o Instituto Camões e o MEIAC Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo.
A segunda mostra será a de Eduardo Gruber, situada na Galería 1 e na sala perimetral da primeira planta. Gruber (Santander, 1949) é un artista polifacético que levou a cabo esculturas, intervencións no espazo, instalacións, escenografía (de ópera para Pilar Miró) e publicou varias novelas.
As últimas tres exposicións que estiveron abertas no MARCO, entre o mes de maio e setembro, recibiron un total de 18.318 visitantes. Trátase de ‘Destacados. Colección Telefónica y Colecciones Concello de Vigo’ (do 16 de maio ao 15 de setembro), con obras mestras de Juan Gris, Delvaux, Magritte, Picasso o Vázquez Díaz, xunto a salas dedicadas a Antoni Tàpies ou Eduardo Chillida; ‘Metrópole’ (do 14 de xuño ao 15 de setembro), última exposición individual dedicada a Xosé Luís Otero, e ‘Espazo en espera’ (do 19 ao 22 de setembro), dirixida por A Artística.