Ambas as dúas exposicións sinalan o peche dun 2016 no que o Marco recibiu preto de 90.000 visitas —un total de 88.953 visitantes fronte aos 83.576 de 2015—, o que supón un incremento de 5.377 respecto ao ano anterior. Un período, o de 2016, protagonizado por artistas mulleres na programación expositiva do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, xunto ao resto de actividades —programa educativo, concertos e festivais, cursos de adultos, programación audiovisual, actividades da Biblioteca e da Agrupación de Amigos, entre outras— que completan a oferta do MARCO aos seus visitantes e usuarios.
O 5 de febreiro inaugurábanse simultáneamente a retrospectiva de María Luisa Fernández nas salas da planta baixa, e o proxecto de June Crespo no Anexo, co que se iniciaba o ciclo comisariado por Chus Martínez Domínguez para todo o 2017. A elas seguiu a individual de Grace Schwindt nas salas do 1º andar, e a de Maider López na planta baixa. As propostas de Mónica Cabo e das arquitectas Pascuala Campos de Michelena / Ana Gallego Palacios deron continuidade ao ciclo do Anexo, e no último cuadrimestre presentouse nos espazos da planta baixa unha nova mostra de produción propia: baixo o título Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz, este proxecto formúlase como revisión ou relectura actualizada da exposición A arte inexistente, comisariada por Rosario Sarmiento para o Auditorio de Galicia en 1995.