O Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (Marco) celebrará o vindeiro luns unha data tan especial como o Día Internacional do Museos cun programa de actividades na rede, dirixidas a distintos públicos.
Co tema “Museos para a igualdade: diversidade e inclusión”, o Día Internacional dos Museos 2020 ten como obxectivo converterse nun punto de encontro para celebrar a diversidade de perspectivas que conforman as comunidades e o persoal dos museos. Ademais, intenta promover ferramentas para identificar e superar os prexuízos no que os museos mostran e nas historias que contan. Unha diversidade que pode relacionarse con moitos temas, incluíndo orixe étnica, xénero, orientación e identidade sexual, orixe socioeconómica, nivel educativo, capacidade física, afiliación política e crenzas relixiosas.
Entre a programación virtual prevista polo Marco, destaca «Somos mujeres y estamos aquí», coa emisión dunha performance da artista Yolanda Herranz; o Programa «Cheapcuts/Corto» documentais sobre identidade que se emitirán o día 18 (20,00 horas), e «Un paisaje de paisajes», un obradoiro en colaboración con Apamp (Asociación de Familias de Persoas con Parálisis Cerebral).
Tamén «Viva a diferencia», a partir do cartel deseñado para o DIM 2020, co que o Marco lanza unha convocatoria en redes para recrealo en distintas versións, e «Proyectos que cuentan, artistas que suman: desde a Biblioteca», no que o Centro de Documentación do Marco comparte co público a particular selección de artistas e proxectos que están presentes nos no fondo bibliográfico do museo relacionados coa diversidade e a inclusión.
Dende o punto de vista do Marco, consideran un período como o actual como unha posibilidade que «convídanos máis que nunca a abordar a idea de cambio, da inclusión como necesidade, e do imprevisible como oportunidade».
,