Ademais, organizaranse 37 visitas guiadas -de carácter convencional, lúdico e teatralizado- en todos os centros museísticos, haberá dez exposicións temporais, outros tantos concertos e inaugurarase a mostra ‘Forever Young’ na Casa das Artes.
A Pinacoteca, a Casa Galega da Cultura, o Museo de Castrelos, o Marco, o Verbum, a Casa das Artes e os xacementos arqueolóxicos do Castro e de Toralla participarán nesta iniciativa ata as dúas da madrugada. Pola súa banda, o Museo Liste prolongará a súa apertura ata as 00:30 horas e o Museo do Mar e Naturnova non pecharán ata as 23.00 horas.
No apartado de oferta de visitas guiadas lúdico-participativas atópase o ‘Atópame tras os enigmas’, un achegamento á exposición ‘Divino Profano’ no Museo de Castrelos a través dun xogo de investigación; a demostración de traballo en vidro no Museo Liste; ‘A busca imposible’, un xogo de preguntas e respostas sobre a colección Fernández del Riego na Casa Galega da Cultura; e o ‘Verbum Creativo’, no que o público asistente poderá interactuar cos artistas no centro museístico de Samil.
Concertos
A programación municipal para A Noite Branca se completa cunha decena de concertos en espazos expositivos. Nicolás Pastoriza tocará na Casa das Artes ás 20.00 horas, Iago Boente e María Jorge actuarán no Liste á mesma hora, Tincho Fernán estará no Museo do Mar ás 21.00 horas, a Orquestra Vigo 430 ocupará o xardín histórico do Pazo de Castrelos ás 21:30 horas e Arturo Álvarez, na Pinacoteca, ás 22.00 horas.
Ademais, o xacemento arqueolóxico do Castro recibirá a Su Garrido ás 22.00 horas, Cinta Adhesiva tocará no Verbum ás 23.00 horas e Antifrágil visitará o Marco á mesma hora. Wöyza con baile urbano tomarán o relevo en Príncipe á unha da mañá e Isuara, xunto a un dúo de baile, estarán na Casa Galega da Cultura-Praza da Princesa desde a medianoite.