Tamén ocorreu hai catro anos na rúa Roupeiro. Alí calquera viandante pode ler os versos da escritora viguesa María do Carme Kruckenberg antes de subir as escaleiras que conducen a García Barbón. Pero agora a lectura continúa despois. O mural pintado en 2015 por MM Puhinger, que tivo que ser recuperado por un acto de vandalismo, vén de ser complementado por outro debuxo e por novos versos da autora falecida na véspera do Día das Letras Galegas dese mesmo ano.
Agora, un poema de amor substitúe o que antes era un vello muro cheo de grotescos grafitis. Canda el, un mariñeiro rema cara Vigo tal e como relatan os versos de Kruckenberg. Esta nova creación, recén rematada na mesma Roupeiro, desta vez contra a traseira de García Barbón 37, foi plasmada tamén por MM Puhinger nun dos 14 murais que se están a pintar na edición de 2019 e dos que xa quedan poucos por finalizar.