A Xunta de Goberno Local acordou retomar o contrato de servizos de atención ao público nas dependencias da rede de museos municipais, suspendido desde o 14 de marzo polo peche destas instalacións.
A aprobación posibilita a reapertura do Museo de Castrelos, a Pinacoteca, a Casa das Artes, a Casa Galega da Cultura e o Verbum, sempre cumprindo co establecido pola autoridade sanitaria ante a crise do coronavirus. Anunciadas para esta semana, este luns o Concello de Vigo explicou que finalmente os museos volverán á actividade pública o martes 2 de xuño, mesma data que a adiantada semanas atrás para o MARCO. A administración local ultima as medidas coas se pretende asegurar ao máximo posible a seguridade tanto dos traballadores dos centros como do público asistente.
No relativo ao benestar, e ante a apertura dos centros de servizos sociais, a Xunta de Goberno Local adxudicou o subministro de elementos de protección para os traballadores e usuarios destas instalacións.
Ademais, o Concello tamén adxudicou por tramitación de emerxencia o contrato de servizo de aloxamento e manutención temporal de mulleres e fillos vítimas de violencia machista. Por importe lixeiramente superior aos 24.000 euros, a administración local continúa prestando este apoio durante a crise sanitaria. Desde o decreto do estado de alarma, 19 persoas precisaron deste servizo (trece mulleres e seis menores), que actualmente aínda utilizan sete persoas (seis mulleres e un menor).