O Marco contará con visitas guiadas ás exposicións ás 11:30, 18.00 e 19:30 horas, ademais de visitas guiadas á Biblioteca-Centro de Documentación ás 11.00 e ás 17.00 horas da man de Iria Fernández, responsable de Documentación, que achegará aos visitantes os fondos e o funcionamento deste espazo singular.
No relativo ás actividades, ás 12:30 horas no vestíbulo principal desenvolverase ‘Regueifas deste tempo’, un desafío oral a cargo de Alba María e Mani Braga con imaxes históricas do edificio do Marco como motivo de partida e pano de fondo das regueifas.
Ás 20.00 horas no andar baixo proxectarase o documental ‘Rescatada: 68 anos agardando a memoria filmada’ -que se estreou este venres – acompañado da narración en vivo do historiador Xurxo Martínez, a modo de visionado comentado do filme.
‘Letras e figuras… en xogo!’ terá lugar de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas no primeiro andar do museo. Trátase de obradoiros infantís para público familiar, dirixido a nenos maiores de tres anos. A partires da idea dos xogos de mesa, e co apoio de música e son, créase unha actividade colectiva baseada na relación de letras e imaxes.
Por último, o primeiro andar acollerá o ‘Maratón Sabidurius’ desde ás 18.00 horas. O Sabidurius é un xogo de mesa ideado e creado en Galicia, baseado nas palabras e as súas definicións, na imaxinación e na escrita. Actividade para todos os públicos, o sábado xogarase por quendas organizadas en grupos de ata oito persoas.
Museo Liste
O Museo Liste, pola súa banda, continúa a programación especial iniciada o venres co gallo do Día das Letras Galegas e prevé para este sábado ás 11.00 horas a lectura do manifesto do Día Internacional dos Museos.
Media hora máis tarde arrancará a visita guiada especial á exposición permanente ‘De tal pau, tal racha’ e ás 12:30 horas comezará outra visita guiada á nova mostra temporal ‘A mesa farta: etnografía e cultura alimentaria de Galicia’.