O Museo Marco foi o escenario escollido para celebrar este xoves a presentación da oitava edición do programa municipal ‘Vigo cidade de cor’, que este ano contará coa intervención de novas e novos artistas e grupos que actuarán no espazo público, seguindo co proceso iniciado fai anos, para a recuperación e revitalización do entorno e a posta en valor do patrimonio da cidade, amais de dar a coñecer a obra das e dos artistas urbanos.
Cunha coidada posta en escena, e a actuación musical da viguesa Law e Isaac Garabatos, a presentación, á que asistiron a tenente de alcalde e responsable de Patrimonio, Carmela Silva, amais de concelleiras e concelleiros, contou coa condución da xornalista Guada Guerra e proxectouse o audiovisual resumo da edición de 2021.
No acto presentáronse as e os artistas que actuarán este ano en espazos do entorno urbano vigués, sete mulleres e grupos femininos, e cinco masculinos. Trátase de 3TTMAN que intervirá na rúa Urzaiz; Etienne Vigier na I Travesía Barreiro; Mariana Capdevila, na Avenida de Madrid; Elena González nas Escaleiras de Baixada Doctor Cadaval; Virginia Bersabé na rúa Numancia; Tamara Alves en Gregorio Espino; o grupo Expostas en Coutadas; Diego As en Castelao; Maz no Pasadizo María Berdiales e AVV Miñoca; o grupo Tweemuizen na Travesía Escolas Públicas; Zosen en Ramón Nieto e Perrine Honoré nas pistas dos IES República Oriental del Uruguay.
Ao longo deste ano as e os artistas intervirán nunha quincena de medianeiras e outros elementos verticais repartidos por diferentes zonas do concello cos que serán xa 147 intervencións artísticas ao aire libre desde que comezou o programa municipal. Durante os últimos anos, teñen participado figuras tan relevantes no arte urbano como Lula Goce, Abi Castillo, Taquen, Berta Cáccamo ou Lidia Cao.
O programa de medianeiras 2022 contará tamén, como en exercicios anteriores, con actividades culturais e musicais relacionadas co arte urbano.