Abel Caballero recordou que a nova actuación nas medianeiras da cidade ten unha partida próxima ao medio millón de euros e inclúe a transformación de medianeiras en arte urbana, actuacións cos colexios, actividades culturais paralelas e obradoiros.
O Concello actuará este verán sobre quince novas medianeiras da cidade: rúa Pino 149, Centro Comercial Coia 4, Aragón 198, Tomás Paredes 60 e 84, Gerardo Campos 8, Avda Atlántida 52, Avda Galicia 109, IES Valladares, Ramón María Aller, Urzáiz 62, Hotel Cidade de Vigo, túnel Avda Beiramar, pavillón de Coia, Cataluña 21 e Avda Castrelos 80.
Ademais, no tocante a centros educativos, o goberno vigués intervén en maio e xuño no IES Politécnico de Vigo, na Escola municipal de Música, no colexio Losada, no Atalaia, no Fleming e en Salesianos. Abel Caballero avanzou que existe unha lista de 17 colexios máis sobre os que o Concello prevé actuar como tarde en outubro.
Esta iniciativa cultural do goberno de Vigo inclúe a celebración de obradoiros en distintos puntos da cidade. Baixo o nome de UrbanizArte, o Concello organiza accións na rúa Coruña, en Martínez Garrido, na Praza da Princesa, en Navia e na Alameda de Bouzas.
CreaVigo
O programa «CreaVigo» forma parte desta iniciativa de arte urbana e nace como un proxecto de creación artística en directo que mistura artes plásticas, ilustración música e danza en espazos públicos. Prevista para os días 24, 25 e 26 de maio, a previsión metereolóxica adversa obriga ao Concello a adialo para os próximos días 5, 6 e 7 de xuño.
As oito actividades previstas pasan polo tanto a celebrarse do 5 ao 7 de xuño, mantendo a orde anunciada así coma os horarios e emprazamentos previstos.