O Concello de Vigo ofrece un total de 77 prazas para novo alumnado e outras 21 para convalidacións na súa Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). O alcalde destacou a gratuidade das ensinanzas. O prazo para as solicitudes estará aberto ata o 4 de setembro. Segundo informou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, unha vez acabado o prazo de confirmación de matrícula para o alumnado que xa estaba matriculado no anterior curso, a EMAO publica as prazas vacantes nas especialidades e niveles que se imparten.
Segundo destacou o rexedor, a novidade este curso é que tamén se convocan prazas de novo ingreso para os niveis superiores ás que se poden acceder mediante convalidación de estudos ou coñecementos previos.
O prazo de inscrición abriuse o 9 de xullo e pecharase o 4 de setembro (online a través da páxina web da EMAO). Hai un total de 77 prazas dispoñibles para novo ingreso: Pintura (4), Debuxo Artístico (3), Talla e escultura en madeira (2), Ourivería (1), Artesanía en coiro (5), Deseño e encaixe de palillos (12), Moda e confección (15), Zanfona (8), Gaita (3), Cerámica artística (1), Encadernación (6) e Serigrafía Artística (17). Ademais, hai outras 21 prazas de convalidación, de forma que en total ofértanse 98 prazas.
O alcalde destacou que a EMAO é gratuíta, polo que o alumnado non ten que facer ningún pago polas clases. O inicio do curso adiántase ao 14 de setembro.