O hospital Álvaro Cunqueiro inaugurou este venres ‘Xa che Vigo’, a obra de gran formato que a artista baionesa Lula Goce elaborou para a escenografía dos Premios da Cultura Galega 2019 e que foi colocada na zona de consultas do complexo hospitalario.
Para realizar esta peza, Goce estableceu tres referencias principais. A primeira, a propia cidade olívica, coa presenza dalgúns dos seus espazos máis emblemáticos. A segunda foi a movida viguesa, movemento cultural e creativo excepcional que foi protagonista da derradeira edición dos Premios da Cultura Galega. E a terceira foi o movemento artístico Atlántica, que iniciou a eclosión dun momento artístico dinamizador da arte galega no último terzo do século XX.
Pódese polo tanto asegurar que a peza conecta 40 anos de creación artística e cultural de Vigo. A técnica empregada neste mural foi acrílico, pintura plástica e sprai sobre madeira e a obra ten unhas medidas de 7,5 x 2,5 metros.
Lula Goce é unha das expoñentes da arte urbana en Galicia. A súa obra ten un amplo percorrido internacional, especialmente os murais de gran formato, que están presentes en cidades de España, Europa, México e Estados Unidos. O seu traballo adoita ter unha gran dimensión social e conta con abundantes retratos de persoas onde transita do íntimo ao global para captar toda a identidade de cada faciana.