Nesas datas, o concesionario da casa Lumière na península, o Sr. Busseret, trae o espectáculo á cidade olívica ofrecendo aos vigueses o privilexio de asistir á presentación pública dunha novidade tecnolóxica que marcará o devir das prácticas culturais e industriais do século XX.
A exhibición foi un rotundo éxito e chegou a alongarse tres horas, ante as peticións de “bises” dun público abraiado polo espectáculo. Os títulos proxectados foron os seguintes: Jardinero sorprendido, Trabajos de campo, Campos Elíseos, Artillería española, Duelo de pistola, Niños traviesos, Mar fuerte, Llegada de un tren, Jugadores de baraja, Tigres del jardín zoológico de París, Diputación asiática e Carga de un regimiento de caballería española.
Os filmes tiñan unha duración arredor dos 55 segundos e a súa proxección estivo acompañada polos comentarios do actor portugués Alexandre Pais de Azevedo e amenizada nos cambios de bobina por un concerto de bandurria e guitarra e a música da propia orquestra do Teatro-Circo Tamberlick.
O Festival Primavera do Cine pretende lembrar este acontecemento nunha homenaxe onde se reivindique o papel de Vigo como referente da modernidade e da cultura a través do cine e se destaque a importancia que tivo un lugar tan emblemático como o Teatro-Circo Tamberlick para a súa memoria colectiva.
O Tamberlick inaugúrase en 1882 erixíndose como o gran teatro da cidade, que será testemuña das máis relevantes manifestacións culturais do vindeiro século.
Desgraciadamente, o edificio foi derrubado a finais do século pasado, vítima dunha política urbanística que desprotexeu a arquitectura emblemática de Vigo e os espazos de referencia cultural.
Nese mesmo lugar, 120 anos despois, proxectamos os mesmos doce filmes orixinais dos irmáns Lumiére que abraiaron ao público por vez primeira naquel lonxano 29 de abril.A sesión compleméntase coa proxección da mítica Viaxe á lúa de Georges Méliès (1902). As peliculas serán musicalizadas en directo por Caspervek Trío.