A curta «O frío» do director Pablo Dopazo foi elixida polo xurado do Festival de Cans como gañadora na sección de Ficción e Dopazo ademais obtivo o premio ao Mellor Director. Este filme foi o máis premiado nesta edición xa que tamén levou o galardón ao Mellor Actor polo papel interpretado por José María Sanjurjo. A curta gañadora recibirá un premio de 2.000 euros en metálico e un Can de Pedra.
A curta de Pablo Dopazo foi premiada polo xurado polo súa capacidade para «facer sentir a distancia, o desafecto e o frío». O filme. Inspirado nunha historia real, ten como protagonista a un home que traballa nun mercado de abastos dunha cidade galega e un día recibe unha chamada que perturba a súa vida normal e fai que o pasado volva.
No apartado de Animación o premio do xurado foi para «Alguén me chamou Serpe Negra «, que conta con guión e dirección de Borja Santomé, quen xa obtivera un premio en Cans en 2018 coa curta «El reloj». Este premio ten unha dotación económica de 1.500 euros.
O premio «AISGE» á Mellor Actriz nesta edición de Cans foi para o protagonista da curta «Nai», Andrea Vilariño, mentres que o filme «To bird or not to bird», do realizador e guionista Martín Romero, obtivo dous galardóns, o premio «AGAG» polo Mellor Guión e o premio «Gadis» á Mellor BSO. Esta peza xa foi premiada na última edición dos Goya como Mellor Curta de Animación. «Ruovesi», a curta da directora e guionista Andrea Zapata, recibiu o premio «Rc Service» á Mellor Fotografía.
O Premio do Xurado dos Veciños e Veciñas á Mellor Curtametraxe de Ficción/Animación foi para «Aquarium» da realizadora italiana afincada en Galicia Marguerita Morello. A peza ambiéntase nun futuro distópico e narra as loitas laborais nunha empresa de marketing misturando comedia, drama e ciencia-ficción.
PREMIOS NAS SECCIÓNS FURACÁNS E NOVAS CAMADAS
Na sección Furacáns (Non Ficción) a curta gañadora foi «Viaxar aos teus recordos e buscar pelexa», unha peza con guión e dirección do boirense Daniel Pérez Silva. O filme está composto por imaxes do arquivo familiar do realizador, quen relaciona o pasado co presente para dar conta dos cambios que se producen nas relación familiares. O xurado destacou o seu acercamento «tan emotivo como penetrante ao continuum temporal dunha familia».
Nesta sección obtivo unha mención a curta «El Custodio», que conta con guión e dirección do arquitecto Arturo Franco. O filme fala da soidade nunha illa sen tempo e xa foi galardonado no Festival Intersección co premio ao Mellor Filme Español.
No apartado de Novas Camadas, que distingue aos realizadores menores de 25 anos, a curta gañadora do Premio «Deleite» foi «Taquión», con guión e dirección de Miguel Barcia. É un relato de ciencia-ficción que combina videos caseiros con fotogramas impresos e escaneados que suxiren a distorsión dos recordos. O xurado destacou a aura de misterio dun filme con ecos «do mellor David Lynch».
Nesta sección tamén houbo unha mención para a curta «Sainte Agathe», do director Juan Ares, que neste filme documenta o proceso de masculinización da súa amiga Agatha, unha moza de 22 anos.
DAVID TRUEBA, INVITADO ESPECIAL DA ÚLTIMA XORNADA
A última xornada do festival arrancou dende primeira hora da mañá coas proxeccións de curtas nas distintas categorías oficiais. A mediodía o Torreiro encheuse de público para asistir ao coloquio co director madrileño, David Trueba, invitado especial en Cans nesta edición. Trueba mostrou as súas dotes para a oratoria e o seu sentido do humor nun diálogo co público e co director do festival, Alfonso Pato, que prolongouse máis dunha hora.
O director contou distintas anécdotas da súa longa traxectoria no mundo do cine, con referencias a actores como o inesquecible Fernando Fernán-Gómez e ao seu amigo Jorge Sanz. Despois do coloquio, Trueba deixou as súas pegadas no Torreiro das Estrelas, que xa conta con dous Truebas xa que o seu hermano Fernando o fixo hai algún anos.
A última xornada de Cans contou con moitas actividades nos distintos espazos do festival con concertos de bandas como Grande Amore o Escuchando Elefantes, ademais da actuación final de The Rapants que pecharán o festival no Espazo Estrella Galicia da Leira do Río a partir de medianoite.