Con esta mensaxe, a Semana renderá merecido homenaxe a Jorge J. Candán, documentalista vigués, vencedor do Campionato do mundo de Vídeo Submarino 2019 polo seu traballo O retorno. Esta será a primeira produción que acollerá a Semana, un audiovisual que parte dun escenario futuro para falar da urxencia de cumprir os compromisos da axenda 2030 e, especialmente un deles, o da vida submarina, co que está comprometida a propia Universidade de Vigo.
Candán viaxa no tempo neste traballo para amosar un mundo no que os humanos xa non poden vivir nun planeta ermo e demasiado contaminado. Desde este mundo imposible de habitar, Candán amosa a beleza dos ecosistemas que habitan as profundidades. O pase deste traballo será o arranque do ciclo deste ano que comezará o mércores, 20 de novembro.
Ese mesmo día, os espectadores poderán ver outros dous traballos moi diferentes pero coa mesma mensaxe. Guerreiros dos océanos, produción asinada por National Geographic, que conta o traballo de Nat Geo Wild para salvar especies en perigo crítico de extinción. Un traballo obra da recoñecida bióloga mariña Silvya Earle, unha das voces máis cualificadas que, xunto ao seu compañeiro Enric Sala, alertan da terríbel situación dos fondos mariños sen perder o optimismo e amosando solucións realistas e alcanzables.
A primeira sesión da Semana pecharase co traballo doutro dos colaboradores habituais da Semana e un dos biólogos máis recoñecidos do mundo, Manu San Félix. Nesta ocasión, o ciclo trae o seu último traballo, no que San Félix subliña a perigosa situación do Mediterráneo. San Félix foi o responsable dun dos anuncios máis recoñecidos este verán dunha cervexa que precisamente era un berro sobre a situación deste mar.
Salvemos o noso Mediterráneo é o primeiro documental de National Geographic producido e realizado en España. Advirte de que hai máis de 134 especies contaminadas pola inxesta de micro plásticos. Segundo WWF, España é o segundo país que máis plástico bota ao mar. O obxectivo do biólogo é concienciar e informar de que aínda se está a tempo para reverter esta situación.
Este primeiro día a Semana contará como invitado co investigador Anxo Mena, e tamén con Jorge J. Candán, ao que o ciclo fará un acto de recoñecemento.
A segunda xornada contará cun documental que forma parte da produción máis aclamada do mundo sobre a vida dos océanos, Planeta Azul, da BBC. Neste día proxectarase un capítulo da segunda tempada, o titulado O océano. Trátase dunha visión do mar moi pouco habitual xa que chega a recunchos que só esta serie foi capaz de gravar amosando a faceta mais sorprendente e cativadora da vida mariña. O segundo audiovisual que se verá este día será Mar, a última fronteira: Continente, un traballo asinado polo portugués Nuno Sá.
O viaxe que propón este audiovisal levará ao espectador a unha das montaña submarinas máis grandes de Europa, o Banco Gorringe. Nesta xornada, o invitado da Semana será precisamente Nuno Sá, fotógrafo mergullador que participou, ademais, en dous capítulos de Blue planet II, traballo que lle foi recoñecido cun Bafta. Ademais, Sá é o fundadar da primeira productora portuguesa deste tipo de documentais, a Atlantic Ridge Productions
A última xornada desta Semana de Cine Submarino proxectará outro traballo de Nuno Sá, Mar, a última fronteira: Azores, na que o equipo descende a mil metros de profundidade a bordo dun submarino capaz de resistir presións extremas. Nesta viaxe o documental mergullarase cunha balea azul e mesmo visitará unha reserva mariña voluntaria en Azores.
O ciclo rematará con O ocaso do rei, documental feito grazas ao micro financiamento colectivo, que se achega ao salmón desde un punto de vista histórico para contar o seu reinado desde a prehistoria ata os nosos días aínda que hoxe sobreviven en menos dunha terceira parte dos ríos que ocuparon no pasado. O invitado deste día será o seu director, David Álvarez, biólogo e profesor de Zooloxía na Universidad de Oviedo.
A XXIX Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo terá lugar do mércores, 20 ao venres, 22 de novembro, no Teatro Afundación de Vigo. A entrada será de balde ata completar aforamento e as sesións comezarán ás 20.00 horas.
Como é habitual na Semana, e tendo en conta o seu carácter divulgativo, haberá tamén pases especiais para escolares de centros de ensino da provincia, coordinados pola Obra Social Abanca Afundación, copatrocinadores de Semana de Cine Submarino Universidade de Vigo. O horario das proxeccións será ás 10.00 e 12.00 horas, co fin de que os nenos e nenas coñezan desde pequenos a riqueza, a complexidade e a realidade dos mares e aprendan a respectalos.